publicidade hoxe

Preséntase o cartel e o trofeo da Travesía a Nado Sisargas-Malpica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMalpica de Bergantiños
A-
A+
Presentación da travesía

Presentación da travesía

Xa está todo a punto para a 6ª edición da Travesía a Nado Sisargas-Malpica, que se celebrará o domingo 9. Hoxe tivo lugar a presentación do cartel e do trofeo, unha réplica da escultura que preside o porto malpicán, realizada polo escultor Miguel Couto e inspirada no cadro da balea de Lugrís que se conserva na Casa do Pescador. O trofeo, que se entregará a partir de agora en todas as edicións da travesía, leva gravados os nomes dos gañadores da proba deportiva dende Domingo Suárez, o primeiro nadador que realizou a travesía en solitario no ano 1933.No acto de presentación participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o de Seguridade, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e o patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez.

A Travesía a Nado Sisargas-Malpica xa é unha proba de referencia en Galicia, e proba dilo é que o mesmo día no que se abriu o prazo de inscrición recibíronse máis de 250 solicitudes. Sen embargo, só puideron ser admitidos 150 por motivos de seguridade. Este é, de feito, un dos aspectos claves na organización da travesía, no que cobra especial importancia o traballo de coordinación que desenvolve Protección Civil. O dispositivo de seguridade estará integrado por máis de corenta persoas, tanto dende o mar coma dende terra, e que estarán apoiados por un grupo de kayaks que acompañarán aos nadadores.

O programa do domingo comezará ás 09.30 horas cunha charla de Miguel Álvarez Vila, que ofrecerá aos participantes uns consellos sobre seguridade en mar aberto e coordinará o dispositivo. Ás 10.00 comezará a entrega de gorros na lonxa do porto, no que se habilitará unha zona de aparcamento para os nadadores, e as 10.30 embarcarán rumbo ás Sisargas. A travesía comezará ás 11.00. Entre os participantes estarán os gañadores das tres últimas edicións. Unha das novidades é a implantación do sistema de chip para a cronometraxe dos deportistas.

5 de agosto de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.