publicidade hoxe

Os veciños volven increpar ao parricida de Moraña cando abandonaba os xulgados de Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisMoraña
A-
A+
Europa Press

Varios veciños volveron increpar o presunto parricida de Moraña, David O.R., detido o venres e enviado a prisión o sábado imputado polo asasinato das súas dúas fillas, á súa saída dos xulgados de Caldas, onde colaborou na práctica dunha dilixencia que a xuíza instrutora considera “imprescindible e urxente”.

O home chegou ao Xulgado Mixto número un de Caldas sobre as 10.00 horas e permaneceu no seu interior máis dunha hora e media, tras o que foi trasladado no mesmo furgón da Garda Civil de volta a prisión.

Ao saír, varios veciños recibírono con insultos e berros de ‘asasino’ e desexáronlle unha ‘mala vida no cárcere’. Varios vehículos do instituto armado abandonaron o lugar e, a continuación, saíu unha médica forense e o avogado da defensa. Ambos os dous rexeitaron facer declaracións.

Fontes do Tribunal Suprerior de Xustiza de Galicia (TSXG) descartaron precisar cál é a proba que foi practicada este xoves, aínda que aclararon que non se trata de ningunha dilixencia psiquiátrica ou psicolóxica e manifestaron que se levou a cabo “coa colaboración do imputado”.

“A dilixencia acordouse por decisión xudicial e non foi solicitada por ningunha das partes”, engadiron fontes xudiciais.

En canto a un posible traslado do detido a outra prisión, as mesmas fontes indicaron que o xulgado “non autorizou ningún traslado”, pois estas “decisións” son “competencia exclusiva” de Institucións Penitenciarias, que o pon en coñecemento do xulgado, “pero non solicita autorización”.

6 de agosto de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.