Os socorristas de San Xurxo e Doniños auxiliaron a dúas persoas o martes nun día de forte mar
Os servizos de salvamento e socorrismo das praias de San Xurxo tiveron que auxiliar na tarde do martes 4 a un rapaz que estaba a practicar surf no lateral esquerdo do areal contra as 18:30 horas da tarde. Os socorristas do posto a pé de praia advertiron que o mozo tiña dificultades para saír da corrente nun día de moito mar, con bandeira vermella e unha forte resaca.
Entraron no mar para socorrelo empurrados polas aletas pero a forte corrente impediulles achegarse ate a beira e optaron por saír polos embarcadoiros, trepando polas rochas. Na subida, tanto o socorrista como o rapaz, sufriron cortes de pouca consideración nos pés e mans.
Na mesma tarde de onte, un home de 55 anos tivo que ser atendido por unha escordadura no nocello cando paseaba polos cantís de Lobadiz, a carón da praia de Doniños, practicamente no mesmo punto no que na tarde do domingo, os socorristas a dous mozos de 16 e 17 anos que se atoparon en dificultades na mesma zona.











