Os servizos de bombeiros dan por extinguido o lume en Freiremar
O incendio que se declarou este luns pola mañá na antiga nave de Freiremar (actualmente concesión de Frigalsa) na Praza da Industria Conserveira foi xa extinguido polos servizos de bombeiros do Concello de Vigo, aínda que un retén permanecerá na zona “posiblemente durante toda a tarde e a noite” para refrixerar a estrutura de devandita nave, que quedou totalmente calcinada.
Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, quen se desprazou ao lugar novamente pola tarde, para supervisar os traballos de extinción e comprobar a situación.
Segundo explicou, “o incendio está apagado, xa non hai lume”, pero os bombeiros deberán permanecer na zona arrefriando a estrutura, que sufriu importantes danos debido á virulencia do lume. De feito, parte do tellado da nave derrubouse e unha das paredes combouse debido ao efecto das altas temperaturas, polo que se descartan novos derrubes.
Precisamente por esa circunstancia, e á espera de que os técnicos determinen o alcance dos danos, o tráfico nas rúas próximas á nave incendiada permanecerá cortado. Así, non se permitirá a circulación no tramo entre a rúa Paz e a Praza da Industria Conserveira, tanto en Jacinto Benavente como en Beiramar.
POSIBLE ORIXE
Caballero insistiu en que deben ser os técnicos os que precisen cal foi a orixe do incendio, aínda que a principal hipótese é que o lume tivo o seu inicio nunha faísca dun traballo de soldadura, xa que a nave estaba a ser reformada para albergar almacéns frigoríficos para túnidos.
Ademais da actuación de bombeiros, dúas pas do Parque Móbil do Concello están a retirar os residuos provocados polo incendio, fundamentalmente, latas no foco do lume, e limpando a zona de aceites e suciedade, para facilitar os labores de refrixeración.
Á marxe dos efectivos de bombeiros e Policía Local (todos os dispoñibles), na zona tamén houbo unha dotación de emerxencias médicas, que finalmente non tivo que intervir, así como Protección Civil.
Até o lugar desprazáronse tamén efectivos do Corpo Nacional de Policía (UIP, UPR, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial e un helicóptero). Así mesmo, axentes da Policía Científica realizaron unha inspección ocular da nave para buscar pistas sobre a orixe e a causa do incendio.











