Os efectivos de salvamento e socorrismo das praias de Ferrol atenderon en xullo 238 incidencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Os 48 efectivos de salvamento e socorrismo de vixilancia nos areais de Ferrol contratados polo Concello para a campaña deste verán (1 de xullo-15 de setembro) auxiliaron a 8 persoas que tiñan dificultades na auga en catro intervencións en catro praias -Covas, Marmadeiro, Doniños e Caranza- e atenderon outras 230 incidencias no mes de xullo.

En total, de acordo o informe mensual remitido hoxe por Tragsatec, foron 238 asistencias. Mais da metade (60,09%) corresponden a picaduras -112 escarapote (47,03%) e 31 de outros (13,03%). Outras intervencións correspondéronse con traumatismos (17), feridas inciso-contusas (61), tres por lesións oculares, unha persoa asistida por un golpe de calor e 13 por outras incidencias doutra índole.

Dúas persoas asistidas precisaron o traslado hospitalario por distintos motivos e ambos casos aconteceron en Covas.

O mes pasado, practicáronse 4 intervencións para auxiliar a 8 bañistas que tiñan dificultades nas praias de Covas (1), Marmadeiro (3), Doniños (1), Caranza (3).

No caso concreto de Marmadeiro, precisar que foron tres os nenos que quedaran atrapados pola preamar nas rochas e que foron auxiliados por dous particulares que estaban no areal antes da chegada dos socorristas desprazados desde Santa Comba, que tomaron nota dos datos e fixeron o informe.

En Covas, foi o 112 o que deu aviso dun mergullador que podía estar en dificultades e que non tardou en saír pola súa conta. No caso da intervención en Caranza, foi un grupo numeroso de rapaces novos de 10 a 14 anos que xogaban a saltar no espigón. Tres deles se afastaron demais e custáballes esforzo volver, como a un mozo en Doniños que estaba collendo ondas sen aletas.

Onte, 2 de agosto, os socorristas tiveron que intervir nun rescate nas rochas de Outeiro para auxiliar a dous menores (intervención que se non se computa neste informe).

Estas 238 intervencións se repartiron do seguinte xeito entre os 9 areais de Ferrol:

Caranza: 5 (2.10%)

A Graña: 27 (11.34%)

Penencia: 11 (4.62%)

Doniños: 100 (42.03%)

San Xurxo: 28 (11.77%)

Esmelle: 18 (7.56%)

Cobas: 21 (8.82%)

Santa Comba: 18 (7.56%)

Ponzos: 10 (4.20%)

3 de agosto de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.