publicidade hoxe

Oroso adéntrase na segunda parte da Semana Cultural 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso desenvolve ata o vindeiro venres a segunda parte da súa Semana Cultural 2015, con actividades para todos os públicos. A proposta é o curso de iniciación á astronomía, que comeza mañá martes e vaise desenvolver ata o xoves 3 de setembro, en horario de 12 a 13 horas nas dependencias do centro cultural de Sigüeiro. É un curso para maiores de dez anos e para persoas adultas, que pechou hoxe o seu prazo de inscrición previa.

As tardes estarán dedicadas a distintos espectáculos. Mañá martes, a compañía Ghazafellos representará a súa obra teatral ‘As mil e unha noites’ no exterior da piscina. Comezará ás 19:30 horas e está dirixida a un público familiar. Á mesma hora e no mesmo lugar, o mércores 2 os artistas de Circo Expreso ofrecerán o seu espectáculo ‘Un tonto no aire’, con números aéreos. 

Xa o xoves 3, entre as 17 e as 21 horas no exterior da piscina municipal, chegará ‘O fabuloso mundo do Mago Romarís’, un espectáculo que aglutina numerosas ilusións ópticas. A partir das 22 horas, desenvolverase unha sesión de observación astronómica tamén no exterior da piscina. 

O venres 4 de setembro, a Semana Cultural 2015 prosegue cunha xincana no exterior da piscina entre as 11 e as 13 horas. É unha actividade para maiores de 6 anos, gratuíta e con inscrición previa. E do remate do programa encargaranse os compoñentes da Aula de Música do Concello de Oroso, que actuarán a partir das 20 horas no exterior da piscina. 

Tal como veu sucedendo nas últimas xornadas, as actividades previstas en exteriores serán trasladadas ao centro cultural se as circunstancias meteorolóxicas así o aconsellan. 

Festa da Escuma

Nas últimas horas, a Semana Cultural 2015 celebrou a Festa da Escuma, que tivo que adiarse do xoves pasado ao sábado por mor do mal tempo. Finalmente, a actividade contou cunha xornada soleada, de maneira que deceas de nenos e nenas, acompañados de familiares, non perderon a ocasión de divertirse coa lanzadeira de escuma, que os cubriu por completo e animou os seus xogos.

31 de agosto de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.