O Rio Natura Monbus Obradoiro presenta a Alec Brown

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación Alec Brown

Presentación Alec Brown

O novo xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Alec Brown, foi presentado hoxe no Hospital Policlínico A Rosaleda, servizo médico oficial do club. Rafael Silva, xerente do centro e conselleiro do club, recibiu ao xogador, facendo un breve repaso á súa traxectoria: “Procede do D-League americana, e antes foi elixido no posto 50 do Draft 2014 polos Phoenix Suns, con quen disputou as dúas últimas edicións da Summer League de Las Vegas. Ademais, vén de promediar 7.0 puntos (45.8% en tiros de dous, 35.4% en triplos e 79.3% en libres), 3.5 rebotes e 2.0 tapóns nos 20 partidos que disputou na citada Liga de Desenvolvemento desde o mes de febreiro”. Silva terminou desexándolle moitos éxitos e “poucas visitas durante a tempada, que será bo sinal”.

A Dra. Rodríguez, presente no acto, lembrou tamén que “o ano pasado xa estivo moi preto do club, pero unha lesión no ombreiro impediu a súa chegada. Desde o club e o centro seguimos a súa evolución médica e está totalmente recuperado”.

O seu adestrador, Moncho Fernández, destacou do á-pivote americano a súa “rapidez e o seu tiro de tres sendo un xogador de 2.15 metros, habilidades que ten que conservar”. Engadiu que “en canto mellore as súas calidades preto do aro, farase un xogador máis difícil de defender aínda. Ademais, intimida moito e corre moi ben o campo”, apunta. 

Brown, pola súa banda, insistiu en que tiña claro que “quería vir aquí desde o ano pasado. Só escoitei cousas boas e aceptei a proposta inmediatamente”, e aínda que é un soño xogar na NBA nun futuro, “estar aquí, nun novo país con nova xente e novos costumes, é unha experiencia que quero aproveitar ao máximo para crecer como xogador e como persoa”. Do seu xogo destaca, coincidindo con Fernández, que “aínda que agora mesmo séntome cómodo no perímetro e a media distancia, quero mellorar no poste baixo, gañar forza e ser un xogador máis completo”, concluíu. 

31 de agosto de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.