O Ribeiroblues Wine Festival de Castrelo de Miño comeza este venres 7 de agosto
O parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá nesta fin de semana o Ribeiroblues Wine Festival, festival que aúna viño e música nun espazo espectacular en plena natureza como son as instalacións do parque Náutico, á beira do encoro de Castrelo de Miño.
Este venres ás 21:00 horas terá lugar a inauguración oficial do evento á que asistirán entre outras autoridades convidadas o alcalde de Castrelo de Miño, D. Xurxo Rodríguez Méndez e o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro D. Miguel Angel Viso Diéguez.
Khalif Wailing Walter (USA), J. Teixi Band (España); Big Lis & Gumbo Band (Galicia), The Tetas´Van (Ourense)amenizarán a noite deste venres acompañando os viños das 23 adegas participantes neste proxecto organizado polo Concello de Castrelo de Miño coa colaboración do Consello Regulador D.O. Ribeiro.
O sábado 8 de agosto subirán ao escenario Shanna Waterstown (USA), Virginia Labuat (España); Jeb Rault & The Trío (USA & Galicia) e Johnny Cat & The Poor Dogs (O Ribeiro), un cartel internacional para apostar pola promoción de algo moi noso, o viño Ribeiro.
Haberá tamén unha zona de xantar, con restaurante e postos de comida tradicional galega, como polbo, carne, galeguesas, empanadas… e degustación de postres e doces típicos da zona.
Actividades náuticas como vela, pedaleta ou realizar catas de viño no medio do encoro no catamarán do concello complementan este enofestival no que tamén podes quedarte a durmir, xa que dispoñen dunha ampla zona de acampada libre.