O rexedor de Ferrol cualifica de insolvente a inversión do Estado no municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, cualificou hoxe de insolvente a inversión anticipada polo Estado nos Orzamentos Xerais de 2016, nos que a maior partida da inversión vai destinada a levar o tren ata a rada de Caneliñas (27,1) e outras aportacións de Portos do Estado para a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

“Insolvente porque non solucionan ningún dos problemas que arrastra unha cidade moi lastrada por una dependencia secular do Estado que ocupa os seus terreos sen recompensa e tampouco solventa as dédebas históricas en infraestruturas e gasto social que precisa este concello”, manifestou Suárez.

Lembrar, sobre a conexión a Caneliñas, que se trata dunha obra que xa tiña que estar prevista no deseño inicial dun porto exterior que se planificou sen accesos terrestres nin ferroviarios nun despropósito aínda pendende de solución -14 anos despois de iniciarse a súa construcción no 2001- a pesares da reclamación unánime e insistente da comarca de dotalo de conexión coa rede estatal.

O ministerio de Fomento tampouco está a ter en conta a oposición veciñal ao trazado sur elexido polo departamento de Ana Pastor e segue sen atender a demanda deste Goberno local de reconducir o trazado pola vía do norte, que aínda que suma metros de vía evitaría a severa agresión ambiental que supón levantar un viaducto sobre a ensenada de A Malata e as súas repercusións no saneamento, na paisaxe e nas actividades marisqueiras e nautico deportivas dese recodo da ría.

Suárez insta a Fomento a rectificar o trazado da liña, “xa que aínda estamos a tempo sen provocar retrasos na execución dunha obra precisa para mellorar a competitividade da rada”.

FALLA DE COMPROMISO CO NAVAL PÚBLICO SEN DIQUE NIN FRAGATAS E DESLEIXO FERROVIARIO

Mención aparte para a falla dun compromiso serio cos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol, que dependen direitamente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), e polo tanto, do Goberno central que encabeza Mariano Rajoy.

Non consignan un euro para novas construccións militares nin para o dique flotante que veñen reclamando con insistencia desde hai preto dun lustro, o cadro de persoal de Ferrol e Fene como a fórmula de potenciar a división de reparacións navais como alternativa a falla de encargas militares.

No canto, a Administración do Partido Popular limítase a adquisión do material preciso e as inversión pertinentes que cómpren para levar adiante os encargos conqueridos na eólica mariña que, se ben, é un complemento interesante para a actividade industrial da ría, ten escaso valor engadido e repercute nunha merma dos salarios das plantillas auxiliares, nas que recae a meirante parte da obra.

O rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, defende a necesidade de conquerir con urxencia novos contratos militares que deberan chegar ben da man da Armada ou ben das Mariñas extranxeiras, multiplicando e reforzando as accións comerciais no exterior con auténtica vontade política mais alá das meras declaracións virtuais intermitentes, para non encarar outro ano cos talleres de dous xigantes industriais como son as factorías de Navantia Ferrol e Fene funcionando medio gas e a sombra perenne dos voitres das grandes corporacións planeando sobre eles coa fame privatizadora.

DESLEIXO FERROVIARIO NAS CONEXIÓNS COA COMARCA

En canto a outras inversións, o Goberno central limítase a cumprir estrictamente co previsto na depresión de As Pías, ou mesmo adía os enlaces entre barrios como Caranza e o Bertón. Non aparecen, neste primeiro borrador dos orzamentos, cartos consignados para vellos compromisos como o retranqueo da vía do tren e a ponte de Santa Mariña.

Tamén, e chama a atención deste Goberno local, que a Administración central persista na histórica marxinación das conexións ferroviarias de Ferrol co resto de Galicia. A sétima cidade galega non só está excluida do Eixo Atlántico da Alta Velocidade senon que os servizos de transporte en tramos cursos e liñas rexionais parecen camiñar cara a súa extinción nun desleixo que resulta de todo intolerable.

Para rematar, o que o ministerio de Cristóbal Montoro publicita como o incremento do gasto social nas contas do 2016 é, a xuízo do rexedor ferrolán, unha estafa aos cidadáns que pasa pola mingua das prestacións por desemprego, entre outros retallos. 

5 de agosto de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.