publicidade hoxe

O PSOE da Cañiza pide a Ana Cerviño que deixe a súa dedicación parcial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O PSOE da Cañiza (Pontevedra) pediu este venres á tenente de alcalde polo PP, Ana Cerviño, que renuncie á súa dedicación parcial ao concello, pola que cobra 700 euros e que nunha publicación no seu perfil de Facebook foi tachada de “mísera”. En concreto, na súa conta ‘apareceu’ un enlace a unha noticia crítica coa subida de soldo do presidente do Goberno a través da páxina ‘Rajoy Dimisión’ acompañada do comentario “E eu cobrando uns míseros 700 euros… para que despois me critiquen”. Ao ser preguntada sobre este asunto, ela negou ser autora dese post e atribuíuno a que os seus rivais políticos adiviñarían o seu contrasinal.

Ante o ocorrido, o PSOE censurou o seu “cinismo e covardía” e instouna a “retractarse” desas palabras ou haberá consecuencias legais”. “Presentaremos as correspondentes denuncias o luns día 10 no xulgado”, advertiron os socialistas da Cañiza.

Con todo, para este partido, as súas “falsas acusacións” non son “o máis grave”. De feito, ao seu entender, “falar de míseros 700 euros é unha labazada na cara” daqueles veciños que “sobreviven” coas pensións dos seus maiores, duns 600 euros, que están en situación de desemprego, que perciben a Risga ou que “non cobran ningunha prestación”. Máxime, prosegue, cando ela suma eses 700 euros ao seu soldo como funcionaria.

Así as cousas, o PSOE insistiu en que Ana Cerviño debe renunciar a esa dedicación parcial “para demostrar que o que a move é o amor á xente” da Cañiza “e non o amor ao diñeiro”, motivo que, a xuízo dos socialistas, “levoulle a renunciar ás súas ideas nacionalistas e sumarse ao PP”.

No perfil de Cerviño, que ela mesma decidiu pechar na tarde do xoves unha vez transcendeu ese comentario, hai posts anteriores criticando aos exministros José Ignacio Wert e Alberto Ruiz Gallardón e a Novas Xeracións. Outras expresan o seu rexeitamento ao bipartidismo e ao feito de que o Estado financie á Igrexa católica. A maioría destas publicacións, precisamente, foron compartidas a través da páxina ‘Rajoy Dimisión’.

7 de agosto de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.