publicidade hoxe

O programa de iluminación pública exterior do Inega permite ao Concello de Friol aforros de 16.000 euros anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriol
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, está a impulsar en Friol, nos dous últimos anos, distintas actuacións no contexto da liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior. Así, e segundo explicou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces na visita realizada hoxe ao concello, a través deste programa Friol obtén un aforro económico de máis de 16.000 euros.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo alcalde, José Ángel Santos Sánchez, subliñou que só a actuación a desenvolver este ano xerará un aforro enerxético anual próximo aos 91.000 kWh/ano, o equivalente ao consumo anual de máis de 30 familias.

“Con este programa contribuímos ao aforro enerxético de Friol nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Así mesmo, resaltou, o conxunto das novas instalacións supoñen unha redución das emisións á atmosfera de preto de 60 toneladas de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 2.953 árbores.

A actuación desenvolvida en Friol intégrase dentro dun proxecto de agrupación municipal no que participaron 11 concellos de Lugo: Castroverde, Pol, O Corgo, O Vicedo, Alfoz, O Vicedo, O Páramo, Lourenzá, Guntín, A Pontenova, Meira e Xove. Todos eles beneficiaranse dun aforro económico conxunto de máis de 52.000 euros ao ano, evitando á emisión a atmosfera de 241 toneladas de CO2 ao ano. Deste xeito, subliñou Bernardo Tahoces, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

O director xeral de Enerxía lembrou que a Xunta de Galicia, co fin de impulsar este tipo de medidas de aforro e eficiencia enerxética, destinou este ano 1,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior. Unha liña que, segundo explicou, promoveu máis de 70 proxectos en 49 municipios da provincia de Lugo desde o ano 2009, contribuíndo ao aforro enerxético municipal e á redución das emisións de CO2.

7 de agosto de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.