O porto de Vigo recibe de novo ao ‘Ventura’ e ao ‘Queen Elizabeth’
Tras a última escala de agosto, que nos trouxo hoxe mesmo Royal Caribbean Cruise Line coa atracada do ‘EXPLORER OF THE SEAS’ por máis de seis horas, o mes de setembro iníciase para a terminal de cruceiros viguesa cunha dobre escala de buques da Carnival UK, repetindo a xornada de finais de xullo, en que xa coincidiron o ‘VENTURA’ e o ‘QUEEN ELIZABETH’. Mañá, ambos os buques, deixarán en Vigo a máis de sete mil persoas nunha única xornada.
Procedente de Southampton (Gran Bretaña), o ‘Ventura’ chegará ao Peirao de Transatlánticos ao redor das 8 horas, estando previsto que sobre as 16.00h., aproximadamente, poña rumbo a Alacante. A bordo traerá a bordo un total de 3.129 pasaxeiros de até 16 nacionalidades distintas (3.070 británicos) e 1.162 tripulantes.
Pola súa banda, o ‘Queen Elizabeth’ chegará media hora máis tarde, procedente tamén de Southampton (Gran Bretaña) e ás 16.30h. continuará coa súa singradura rumbo a Lisboa (Portugal), con 2.039 pasaxeiros de 27 nacionalidades (1.860 británicos) e 1.000 tripulantes, tamén media hora máis tarde que o seu compañeiro de armadora.
A de mañá, será a única xornada de degustación de conservas de peixe e marisco “TASTE THE CAN” que, organizada por ANFACO -Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas- e a Autoridade Portuaria de Vigo, xunto coa colaboración da Terminal, se organice e adapte en exclusiva para as tripulacións de ambos os cruceiros, de forma que un selecto staff procedente dos servizos de hostalaría e cociña dos buques, se centren nos produtos como máximos prescriptores destes, o cal resulta de especial interese de cara á introdución destas delicatesen a bordo destes hoteis de luxo flotantes, tras ser preparadas fronte a este público excepcional polos expertos chefs que participan na iniciativa.
Características técnicas
O ‘Ventura’ foi construído no ano 2008 e ten capacidade para acomodar a un total de 3.574 pasaxeiros e 1.226 tripulantes, ao longo dos seus 290 metros de eslora e 36 de manga.
A bordo, o pasaxeiro ten á súa disposición moitas áreas para o relax e o entretemento, entre as que destacan o espectacular “lounge”, con vistas panorámicas e inspirado na máxica cidade de Nova York, París e Sidney, ou as amplas e agradables zonas refrescantes, coas súas 5 piscinas, unha delas con xerador de ondas.
A súa extensa oferta gastronómica, con restaurantes de todo tipo, e o seu tamén extenso programa ideado para os máis pequenos, son outros trazos que destacan deste buque de 115 mil toneladas de rexistro bruto.
E para a amantes da arte, o ‘Ventura’ conta cunha extensa galería con nin máis nin menos que 7.000 obras ao seu alcance. A bordo existen, ademais, unha infinidade de camarotes de moitas categorías, o 80% deles exteriores e o 90% dos exteriores con balcón privado.
Pola súa banda, o ‘Queen Elizabeth’ é un barco clase Vista, propiedade da mítica Cunard Line. Construído por Fincantieri no seu estaleiro de Monfalcone (Italia), a súa entrega oficial tivo lugar en outubro de 2010.
Trátase do segundo barco máis grande construído por Cunard, despois do ‘Queen Mary 2’. Capaz de transportar algo máis de 2.100 pasaxeiros nun total de 1.050 camarotes, o ‘Queen Elizabeth’ ten 294 metros de eslora por 32 de manga.
A súa decoración é estilo Art Decó e evoca a época da década dos 30’s. Destaca o seu restaurante exclusivo ‘The Verandah’, que ofrece unha experiencia de exquisita cociña, deseño contemporáneo e un servizo impecable con menús creados polo Chef Zimmermann, así como os restaurantes ‘Queens Grill’ e ‘Princess Grill’, moi similares aos do ‘Queen Vitoria’. O ‘Queen Elizabeth’ tamén ofrece o ‘Club Britania’, onde os hóspedes que viaxan nos camarotes categoría “AA” poden gozar dun só asento para cear no momento da súa elección, distanciados dos demais pasaxeiros do ‘Britannia Restaurant’. Así mesmo, o restaurante ‘Aztec’, ofrece cociña rexional mexicana, mentres que o restaurante ‘Jazmin’ ofrece cociña asiática, a partir de influencias de Xapón, Singapura, Indonesia, Tailandia e China
O ‘Queen Elizabeth’ ofrece, ademais, distintos tipos de habitacións espazosas e luxosas, seis Master e Grand Suites con nomes en honra aos últimos Commodores de Cunard que recibiron o título de cabaleiros.
O 1 de setembro de 2010 Cunard Line deu a coñecer oficialmente que a raíña Isabel II sería a encargada de bautizar ao novo ‘Queen Elizabeth’ nunha cerimonia que levou a cabo na Ocean Terminal en Southampton o 11 de outubro de 2010, un día antes da súa viaxe inaugural.











