O pleno de Lalín aproba habilitar os 30.000 euros necesarios para o plan de obras de mellora no polígono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Pleno de Lalín

Pleno de Lalín

A modificación de crédito necesaria para habilitar unha cantidade de 30 mil euros coa que poder poñer en marcha un proxecto de mellora no polígono Lalín 2.000 foi aprobada por unanimidade na sesión plenaria extraordinaria desta mañá. O Concello conta cun orzamento total de 150.000 euros para esta iniciativa. Destes, 120.000 proveñen dunha partida da Consellería de Economía e Industria, cofinanciada polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), polo que os 30 mil restantes corren a cargo do Concello de Lalín.

Debido a que a Xunta deu de prazo para xustificar as obras ata o próximo 15 de outubro, o alcalde, Rafael Cuíña, viuse na necesidade de convocar este Pleno extraordinario, coa intención de axilizar ao máximo os trámites e non perder a axuda.

Á orde do día do Pleno sumóuselle finalmente un segundo punto consistente na dación de conta da renuncia de 4 concelleiros do grupo do Partido Popular. O Goberno Local tivo palabras de agradecemento para os catro concelleiros saíntes, que xa non asistiron ao pleno, destacando, en particular, a labor prestada por Camilo Bodaño e Manuel Gómez, concelleiros de Lalín  durante máis dunha vintena de anos.

5 de agosto de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.