O Museo Massó acollerá diversas actividades entre o 6 e o 8 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Museo Massó acaba de inaugurar unha exposición temporal sobre a caza da balea en Galiza, e nestes meses de verán móstrase moi activo culturalmente, coa organización de actividades vinculadas ao mar e á natureza. Así, entre o 6 e o 8 as actividades son varias. O xoves terá lugar un obradoiro de verán titulado A balea para os nenos e nenas de 6 a 12 anos, aos que se ensinará a exposición, ademais dunha actividade lúdica de aprendizaxe e dous murais coa técnica do colaxe. Un deles estará dedicado á caza da balea e outro ás razóns da súa prohibición.

O 7 será a quenda dunha charla sobre A navegación por medio das estrelas. A medición do tempo no mar, impartida polo membro de Astrovigo César M. González Crespán, e que versará sobre a historia e os avances de navegación desde os tempos antigos. E ás 23 horas darase paso a unha observación nocturna do ceo cun telescopio, se o tempo o permite.

E para rematar a semana, o sábado 8 de agosto desenvolverase unha nova edición do obradoiro práctico Atrapad@s na rede que será impartido pola redeira en activo Consuelo Martínez ás 12 horas. Os participantes coñecerán as técnicas de confección das redes de pesca e os tipos de artes, e está dirixido a persoas maiores de oito anos e menores acompañados.

Para inscribirse en calquera das actividades, os interesados poden facelo no número de teléfono 986 321 838 ou no correo electrónico museo.masso@concellodebueu.org.

3 de agosto de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.