O Menudeta convertiuse no gran triunfador absoluto do Trofeo Acimut Norte de Cruceiros

Saída baixo a ponte de Rande
Magnífica xornada final da 11ª Edición do Trofeo Acimut Norte que organizou o Fondeadero de San Adrián de Cobres coa colaboración do Náutico de Cobres e na que participaron unha trintena de cruceiros de Portugal, Baleares e Galicia.
A saída deuse con vento do suroeste, térmico interior con case 14 nós de intensidade, xa que en canto se pasaba Domaio, o vento baixaba até os 9 nós, pero realmente resultou suficiente para que os participantes fixesen relativamente rápido as 14,2 millas para a Regata e Cruceiro/regata que ían até Samil pasando por Cangas e regresando a San Adrián, mentres que a clase Cruceiro e mini23 ían soamente até Cangas e regresaban facendo un total de 11,3 millas.
Espectaculares imaxes na ponte de Rande como na xornada anterior, e incerteza na forte cinguida contra corrente na Ría de Vigo ata que a popa xa clarificou a situación, sobre todo a favor do MENUDETA que parece ter tomada a medida a esta regata vencendo ademais a embarcacións moito máis potentes que normalmente lle gañan. A etapa foi gañada en tempo compensado en Regata polo MENUDETA seguido 08:54 polo ALTAMAR X e a 08:59 polo STARFIGTHER. En Cruceiro/Regata gañou o SANTIAGO ROMA seguido a 11:14 polo BALEA DOUS e a 15:20 polo NAMASTE. En Clase Cruceiro gañou novamente o PITOUCHO seguido da TROPA UNO a 01:24 e do BALBORDO a 18:40. E por último, os mini23 en tempo real, primeiro foi a PUNTA LAGOA 3, seguido da PUNTA LAGOA 4 e o MARIAVERA.
E o vencedor Absoluto resultou ser o MENUDETA con 2 puntos, seguido do STARFIGTHER con 5 e o CORVO MARIÑO 05 con 8.











