O Kaiak Tudense quédase sen elementos de transporte para as súas embarcacións
O Kaiak Tudense quedouse sen elementos de transporte para as súas embarcacións ao sufrir os seus dous vehículos importantes avarías. O equipo de padeeiros viuse obrigado a usar os seus coches particulares para poder realizar os seus adestramentos. Isto afecta directamente a un club que se atopa no momento máis importante da tempada, coa organización do Descenso do Miño o próximo día 15 e a preparación dos seus deportistas para o Campionato do Mundo que se disputará dentro de dúas semanas en Milán (Italia).
“É un serio contratempo loxístico que tratamos de solucionar como podemos, pero é un grave problema”. Así o desvelan os integrantes do equipo tudense. Coa ausencia das dúas furgonetas é imposible mobilizar as embarcacións que utilizan nos adestramentos. Algunhas desas sesións de traballo desenvólvense en Castrelo de Miño. Para poder seguir traballando tiveron que recorrer aos seus propios vehículos para poder arranxar de maneira provisional o grave problema.
O Kaiak Tudense contará con Roi Rodríguez, José Luís Bouza, Gabi Pavón, Rubén Millán no Mundial de Milán. Todos eles adéstranse en Galicia, mentres os outros compoñentes do club, Ana Varela e Óscar Carreira, están concentrados no Centro de Alto Rendemento de Sevilla e Madrid. Os técnicos consideran “vital”manter o ritmo de adestramentos.
O Kaiak Tudense tamén se verá afectado o próximo fin de semana si quere acudir, como ten previsto, a algunha competición oficial. As furgonetas serven para levar aos padeeiros, pero tamén arrastran un remolque que pode chegar a acoller máis de vinte embarcacións.
Á marxe do contratempo loxístico, no club tamén mostran a súa preocupación polos gastos de reparación dos vehículos imprescindibles para o funcionamento do club. Os dirixentes sospeitan que “serán moi importantes”, o que provocaría unha grave alteración no axustado orzamento para a presente tempada.











