O goberno municipal de Ames reúnese cos avogados para abordar a liquidación da conta do contrato de Espina & Delfín

Reunión cos avogados
Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, reuníronse co despacho de avogados MAIO, para falar da elaboración da liquidación da conta coa empresa Espina & Delfín, antiga concesionaria do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga. Nesta xuntanza tamén participou o Interventor municipal. Unha vez rematado o contrato de Espina & Delfín co Concello de Ames, que foi asinado no ano 1998, hai que facer a correspondente liquidación. Cómpre destacar que o contrato co despacho de avogados MAIO foi asinado, a dous días das pasadas eleccións, polo anterior goberno.
Esta xuntanza serviu para que o goberno municipal soubera de primeira man o estado no que se atopa a elaboración do informe que a empresa ten como obriga presentar dous meses despois da sinatura do contrato. Este informe xurídico, que debe presentar a empresa, abordará as cuestións relativas ao estado de liquidación do contrato de explotación do servizo de abastecemento de auga e saneamento, así como o estado de liquidación dos servizos complementarios de colaboración do padrón da taxa, e no seu caso, efectos sobre o anterior que puidera ter a declaración de emerxencia recollida no decreto 1744/2014 asinado polo anterior rexedor.
A través de dita liquidación comprobarase se a antiga concesionaria do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga asumiu máis custes dos que lle correspondían ou se tivo máis ingresos dos que se establecían no contrato asinado co Concello.
Nestes intres, o despacho de avogados MAIO xa está facendo o traballo que se lle encomendou, e xa lle solicitou diversa documentación ao Concello para facer un estudo económico – financeiro en profundidade. Trala reunión mantida esta semana, o Concello ten previsto poñer a disposición desta empresa toda a documentación que lle solicitou o antes posible. Para axilizar o traballo que están desenvolvendo, unha parte desa documentación xa será entrega durante a vindeira semana.
O rexedor municipal explica que “en principio está previsto que o informe sobre a conta de liquidación do contrato con Espina & Delfín, que están realizando, sexa presentando a finais do vindeiro mes de setembro”. Ademais, Miñones é optimista de cara o resultado desa conta.











