O goberno local reúnese cos directivos do Club de Rugby Lalín para interesarse polas súas necesidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión con directivos do Club de Rugby Lalín

Reunión con directivos do Club de Rugby Lalín

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña reuniuse esta mañá acompañado dos edís responsables de deporte, Nicolás González Casares e Miguel Medela, con directivos do Club de Rugby Lalín, que acudiron encabezados polo seu presidente Luís Fernández Vilela. Na xuntanza, entre outros asuntos, tratouse o tema do terreo de xogo onde o equipo disputará os seus partidos.

A postura do goberno quedou clara e o conxunto senior dos “Abellóns” seguirá competindo  no estadio municipal Manuel Anxo Cortizo e non se trasladará ao campo de Muimenta, como estaba previsto polo anterior executivo. Así mesmo, o Concello trasladoulles aos membros do club a súa intención de “dignificar” as instalacións deportivas de Barcia nas que á sección feminina do Rugbi Lalín e a súa base xogan os seus encontros.

O goberno de Lalín aposta polo rugby como deporte prioritario e destaca a importancia do conxunto abellón no escenario deportivo lalinense. Trátase dun club con 25 anos de historia, cunha estrutura social moi asentada e que fomenta o deporte feminino e de base polo que o goberno tratará de fomentalo e impulsalo.

Por outro lado, Nicolás González Casares informou de que, en total, foron 16 as entidades deportivas que tramitaron a subvención á actividade deportiva, cuxo prazo de solicitude rematou o pasado día 30.

O Concello destina 60.000 euros a este tipo de axudas.

3 de agosto de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.