O goberno lalinense presentará unha moción para pedir que non se supriman prazas docentes nas garderías públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno Municipal presentará unha moción no próximo pleno, para solicitar que se manteñan todas as prazas de mestres e educadores das garderías públicas de Lalín dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Así o vén de anunciar o tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, que considera a supresión de persoal educativo como “un recorte puro e duro nos servizos á cidadanía por parte da Xunta”. O executivo local considera imprescindible manter os postos docentes, máis cando se prevé un aumento da demanda con respecto ao ano pasado, o que provocará que se incremente a lista de espera que xa hai nas dúas garderías. “No que vai de mes de agosto xa recibimos varias solicitudes para cada escola, mentres, a Xunta di que debemos contar con menos persoal”, insiste o concelleiro.

Casares asegura que por moito que a Xunta intente disfrazar a eliminación de postos chamándolles “reaxustes de persoal”, “estamos ante un novo golpe aos servizos públicos, polo que dende o Goberno consideramos necesario presentar unha moción para pedir que rectifique e non se mova nin unha soa praza”. “Por un lado din que rematou a crise e por outro continúan cos recortes”, recalcou González Casares. 

Outro dos argumentos que sustentan a proposta do executivo é a necesidade de aumentar ou, canto menos, fixar poboación no Concello. Neste senso, o Goberno considera que recortar prazas de educadores nun servizo que facilita a conciliación, como é o das garderías, contribuirá a que continúe a perda de poboación. 

Os postos de traballo que pretende eliminar a Consellería de Traballo e Benestar á que pertence o Consorcio, son o de unha mestra e unha educadora no centro infantil do polígono e o dunha mestra máis na gardería situada no entorno do inicio do Paseo Pontiñas.

9 de agosto de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.