O goberno de Ourense presentará ante o Pleno unha proposta de modificación presupuestaria por 6,4 millóns euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O goberno municipal presentará a aprobación por parte do Pleno do Concello a próxima semana un expediente de modificación dos orzamentos do Concello por importe de 6,4 millóns de euros, que permita facer fronte ao pago das débedas pendentes de exercizos anteriores, e dotar crédito para partidas que o precisan para afrontar gastos e investimentos que é necesario executar antes de final do presente ano.

Nas conversas mantidas durante as últimas semanas, o goberno municipal convidou a todos os grupos políticos con representación no Concello a que achegaran as súas propostas.

Unha vez avaliadas estas, coa vontade de que a modificación reciba a aprobación por parte do Pleno, o expediente recolle as demandas presentadas polo grupo do PSdeG-PSOE, e tamén propostas de Democracia Ourensana.

A modificación incluirá partidas destinadas ao pago de débedas, convenios con diferentes entidades, obras cofinanciadas polo Concello e outras administracións, o pago do canon da auga ou execución de infraestruturas como a estación depuradora de augas residuais. 

O goberno municipal presentará o expediente a semana próxima a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, nunha sesión que se celebrará o vindeiro luns, 10 de agosto, e a posterior presentación ante o Pleno do Concello, previsiblemente o mércores, 12. 

O goberno municipal agradece a participación e implicación dos grupos políticos nesta negociación, achegando as súas propostas co obxectivo de que a modificación orzamentaria poda ser aprobada por parte do Pleno do Concello.  

7 de agosto de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.