O goberno de Lalín repróchalle a Rajoy a súa falta de compromiso coa localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal cualifica de pésimo, lamentable e desolador para Lalín o proxecto de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016. O documento, que foi presentado onte para a súa tramitación nas Cortes, non recolle nin un só euro para infraestruturas ou proxectos pendentes na capital do Deza, o que demostra a falta de compromiso de Mariano Rajoy e o seu equipo cos veciños e veciñas do concello.

Especialmente sangrante, a xuízo do Goberno local, é a carencia de fondos para a mellora da Rolda Leste, unha das iniciativas para as que se precisa unha aposta máis firme e urxente por parte de todas as administracións implicadas. Con todo, o Goberno anuncia que iniciará en breve xestións co Ministerio de Fomento para pedir que se corrixa esta carencia flagrante e altamente prexudicial para os intereses da veciñanza de Lalín. 

Ao mesmo tempo, o Goberno expresa a súa sorpresa polo feito de que o ex alcalde, tan dado a atribuírse méritos pola súa xestión anterior, non conseguise que se habilitase unha partida, aínda que fose mínima, para a Rolda Leste. O executivo lamenta que José Crespo teña tendencia a presumir de xestión cando, neste caso, os datos confirman que foi totalmente infrutuosa para o concello.

5 de agosto de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.