O goberno de Lalín continúa cun trato cercano e directo cos veciños para tratar de solucionar as súas demandas máis inmediatas
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o seu equipo de goberno, seguen apostando por un trato directo e próximo á cidadanía, como unha das máximas da “nova política lalinense”. O rexedor atendeu esta mañá a máis de 30 veciños, xunto co tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, que o acompañaron para escoitar aquelas demandas que afectan á súa área de xestión. Nestas xuntanzas os membros do Goberno toman nota de cada unha das suxestións, para tratar de resolver aquelas demandas e problemas que precisan unha solución máis inmediata.
O actual Goberno considera primordial “abrir as portas do concello a toda a cidadanía” e ter a máxima accesibilidade, tal e como vén demostrado dende a súa incorporación o pasado mes de xuño. A atención persoal e a comunicación fluída e constante cos veciños e veciñas é, segundo o rexedor, “imprescindible” para manter unha eficiente xestión.
Os veciños e veciñas que desexen ser recibidos polo alcalde, non teñen máis que contactar co concello e seralles asignada a cita nunha das xornadas de atención ao público. O teléfono ao que deben chamar é o 986 78 70 11.











