O goberno de Ferrol ratifica o seu apoio aos veciños que esixen a devolución dos montes de Cha de Brión
O Concello de Ferrol ratificou hoxe o seu apoio aos veciños que esixen a devolución dos montes de Cha de Brión, que foran usurpados durante a ditadura franquista.
A edil de Medio Rural, Rosa Méndez (PSOE), amosou o apoio do Goberno aos veciños, que ofreceron unha rolda de prensa na entrada do Concello, e lembrou que no primeiro pleno municipal desta lexislatura aprobouse unha moción que respalda a solicitude de que o Xurado Provincial de montes active a tramitación do expediente de clasificación como en man común, e que estea nas mesmas circunstancias que os montes de San Xurxo e As Cabazas.
“Dende o pleno maioritariamente se lles apoiou nas súas reivindicacións, e neste caso, sen saber moito de leis, estamos ante un agravio comparativo”, sinalou Rosa Méndez, en referencia aos veciños dos montes de San Xurxo, e ratificou os veciños van seguir tendo o apoio do Goberno.
“Dende o goberno apoiaremos esta demanda porque entendemos que é unha demanda xusta”, concluíu.











