O goberno de Ferrol modifica a normativa de emerxencia social
O Concello de Ferrol modificou a normativa de emerxencia social, co fin de “eliminar burocracia e obstáculos”, segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, que resaltou que estes cambios contaron co apoio de todos os grupos políticos da Corporación.
A nova normativa foi votada favorablemente por todos os grupos na Comisión de Benestar celebrada na mañá deste xoves e será levada a pleno para a súa aoprobación.
Entre outras medidas, recolle a reducción de 6 a 3 meses o período de empadronamento obrigatorio, fixa a creación dunha Comisión de avaliación constituida polos traballadores da área social do Concello que se reunirá cada quince días, amplía o abano de axudas concedidas a temas como perigo de desafiuzamento e flexibiliza a axuda para cubrir suministros básicos como o da electricidade, ademáis de establecer excepcións para casos extremos. Tamén se establece que non é incompatible recibir axudas de ONG coas do Concello, posto que “quen debe administrar servizos públicos é a administración”.
Así o explicou a propia concelleira que alertou de que a nova normativa xurde “dunha realidade durísima social en Ferrol, con centos de persoas que están en espera de emerxencia social”, para o que o Concello xa habilitou tres novas partidas económicas que “son absolutamente insuficientes”.
A situación de “precariedade social” na que se atopan moitos cidadáns en Ferrol vese ademáis incrementada ante os “terribles recortes da dereita”, lamentou Beatriz Sestayo, que se reflexen en feitos como o retraso de entre 6 e 12 meses na concesión da Renta de Inserción Social (Risga) por parte da Xunta de Galicia e na “denegación de xeito inxusto e arbitrario” que se está a producir. Dende o Concello se facilitará asesoramento xurídico a estas persoas.
“A dureza da inexistente política social de Feijóo fai que teñamos que afrontar feitos como a posible privación da custodia dos fillos por carecer de recursos”, asegurou a edil, polo que avanzou que o obxectivo é “revertir a situación dos recortes”, e iso se notará “nos orzamentos”.
Precisamente, avanzou que hoxe mesmo se produciu o cambio de destino dunha partida, de 200.000 euros, que o anterior goberno do PP tiña reservada para a adquisición de terreos e que agora se empregará en programas sociais de intervención familiar de menores e maiores.
Aínda que o PP manifestou que tiña previsto que esta partida se gastase en mellora de pasos de peóns este cambio non figura nos documentos do Concello facilitados polo Interventor. En todo caso, Beatriz Sestayo remarcou que dende a Concellería de Urbanismo xa se está traballando no plan de accesibilidade e que en setembro terá lugar a reunión da Comisión de accesibilidade.
“A accesibilidade será una prioridade, xa se está traballando e así se fará, pero o que non pode ser é que as obras substitúan ás persoas”, remarcou Beatriz Sestayo, que como exemplo puso o feito de que o Plan Sociocomunitario de Recimil incluíra partidas de case 300.000 euros que se destinaban a arranxar socavóns. “A política social non é de baches”.
CASA DA MULLER
A concelleira de Benestar Social, Muller e Festas denunciou que o pasado goberno do PP deixou a área de Muller cun orzamento, no cambio de goberno, de tan só 74 euros, pese a que “a muller estivo en absoluto esquecemento co PP que só asumiu esta área con roles patriarcais”.
De feito, incidiu en que “nesta cidade a pobreza ten nome de muller”, porque de cada 10 persoas atendidas por emerxencia 9 son mulleres, que en moitos casos, incidiu, se atopan en situacións moi críticas tanto persoal como económicamente.
Pese a que o orzamento dispoñible non permite facer actuacións “contundentes”, mediante o emprego doutras partidas, prevese a reactivación da Casa da Muller para que en lugar de ser “un centro cívico sexa un espazo feminista e reivindicativo”.
Entre outras medidas, mellorarase a comunicación de eventos destacados -onte mesmo estreouse un perfil propio en Twitter, lembrando a traxedia das “13 Rosas”-, da divulgación científica e universitaria e coa posta de novo en marcha de exposicións de artistas ferroláns e presentación de libros.
Nesta liña, retomarase a ruta “Ferrol en feminimo”, creada durante o anterior goberno socialista para poñer en valor a figura de mulleres relevantes da nosa cidade e que o PP deixou no esquecemento. O roteiro formará xa parte da programación das festas de agosto, de tal xeito que as asociacións de mulleres o poderán realizar o día 23 de agosto, rematando o itinerario no concerto da cantante Ses.
En agosto tamén se acometerán obras na Casa da Muller, con cargo a orzamentos de Urbanismo e de Obras, para atallar o que ten sido case o “símbolo do abandono do PP” ás políticas de muller e poder voltar converter este edificio nun “espazo de encontro”.
Darase protagonismo a programas de prevención de violencia de xénero, establecerase unha colaboración e coordinación cos profesionais do Xuzgado neste aspecto.











