O goberno de Ferrol aprobará a nova Ordenanza de Inspección Técnica de Edificios
Na Comisión de Medioambiente, Urbanismo, Servizos, Obras e Seguridade celebrada na mañá deste mécores douse conta da previsión de aprobación definitiva da “Ordenanza de Inspección Técnica de edficacións adaptada á vixente lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas”, cuxa aprobación inicial foi acordada polo Pleno na súa sesión ordinaria de data de 26 de febreriro de 2015 ao non ter sido presentada ningunha reclamación ou suxerencia durante o período de información pública.
A concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos (PSOE), explicou ao termo da Comisión que existía unha ordenanza dende o ano 2010, aprobada polo anterior goberno socialista, pero que tivo que ser modificada no ano 2013 para adaptarse á lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e recuperación urbana, que contempla nas inspeccións técnicas de edificios outros condicionantes que non estaban previamente, como o aforro enerxético e a accesibilidade.
En maio de 2014, mediante a publicación dun bando de Alcaldía, nun procedemento “estrano”, estase a aplicar a nova ordenanza, debido a que a lei de rexeneración e adaptación ten un anexo no que establece unhas fichas para a Inspección Técnica de Edificios.
Deste xeito, a aprobación definitiva da ordenanza “supón ordear legalmente o que xa estaba en aplicación que son as inspeccións técnicas de edificios”, engadiu.
En todo caso, a Oficina de Inspección Técnica está traballando dende hai un ano e medio , a partir do bando da Alcaldía, e xa lle reclamou a realización desta ITE a máis de 1.200 propietarios de edificios de máis de 50 anos dos barrios da Magdalena, Esteiro, Ferrol Vello e A Graña.
Ata o momento xa se notificaron preto de 700 e hai 165 casos nos que os propietarios, debido a que non foron localizados, tiveron que ser informados a través do Boletín Oficial do Estado.
Os propietarios teñen que encargar a Inspección Técnica a profesionais. Ata o momento, xa se realizaron 371 inspeccións. De todas estas, 59 recibiron a notificación favorable por parte da Oficina, 33 teñen expedientes desfavorables, o que supón que teñen que acometer algunha obra de consolidación da edificación para cumprir a seguridade, e 10 recibiron un informe desfavorable por perigo inminente que dou pé á incoación do expediente municipal de execución.
A maioría dos problemas que se detectan teñen que ver co pechamento do edificio, normalmente a fachada e a cuberta, ademais de con elementos decorativos ou perdas de auga e filtracións.
María Fernández Lemos engadiu que as vivendas que teñen que acometer reformas poden solicitar subvencións dentro do programa de axudas á rehabilitación, que cubre precisamente os barrios da Magdalena, Ferrol Vello, A Graña e Esteiro.
No caso de que non se acometan as reformas esixidas, a normativa establece que se poden chegar a impoñer sancións, que poden alcanzar os 6.000 euros.











