O goberno de Ferreiro afonda no seu compromiso de renunciar aos privilexios de cargo
O Goberno local ten como unha das súas máximas a de prescindir “de determinados privilexios e prebendas” coas que se atopou ao chegar a María Pita. Este xoves, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, insistiu en que o Executivo municipal “quere facer unha política de renuncia a calquera tipo de privilexio”.
“Estamos a repasar, pouco a pouco e de forma tranquila, todos os usos e costumes para desbotar aqueles que non son os adecuados”, dixo, á vez que recordou que se trata dun compromiso recollido no programa electoral.
A este respecto, Sande anunciou a decisión do Goberno local de renunciar ás entradas que, por convenio, lle corresponden para o torneo de fútbol Teresa Herrera. As mesmas foron xa entregadas a familias pertencentes á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogap), que acollen en verán a nenos e nenas deste territorio, para que estes poidan acudir a Riazor o vindeiro sábado. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou xunto con Sande no acto de entrega dos pases.
“Desta forma, imos a darlle un novo uso a estas entradas que, por convenio, se cedían para acudir de balde ao Teresa Herrera, sen que isto se entenda como desprezo ningún cara ao consello de administración do Deportivo”, explicou o edil.
Así mesmo, Sande informou que durante as competicións oficiais do Deportivo, o Concello non se aproveitará do Palco VIP que ten no estadio. Cada encontro será cedido a unha asociación a modo de recoñecemento, en colaboración coa Federación de Peñas do Deportivo.
Aínda que o Concello manterá, por suposto, as súas obrigas representantivas, con estas actuacións trata de cumprir o seu compromiso de renunciar a privilexios de cargo. Sande recordou que neste primer mes e medio de Goberno xa se levaron a cabo varias iniciativas nesta liña. “Na concellería de Culturas, por exemplo, renunciamos ao palco de uso municipal de autoridades do que dispoñíamos no teatro Rosalía”, recordou o concelleiro. “O alcalde tamén renunciou, dando as grazas e obviamente dende a amabilidade e a colaboración, a carnés VIP que lle entregaron en determinadas entidades e, ademais, non se empregan coches oficiais”, engadiu. 2











