O Goberno da Coruña demanda á Autoridade Portuaria que actualice e faga público o Plan de Financiamento do Porto Exterior
O impacto que supoñen para as contas da Autoridade Portuaria tanto a negativa da Unión Europea (UE) a outorgar financiamento para as obras de acceso a Punta Langosteira como a aprobación polo Goberno central do Fondo Financeiro de Accesibilidade Terrestre obriga, segundo o Concello da Coruña, a revisar e despois facer público o Plan de Empresa e o Plan Financeiro do Porto Exterior.
“Hai que reaxustar as previsións económicas e financeiras das obras do Porto Exterior, unha medida que debería incluír tamén a revisión dos Convenios de 2004, que conteñen unhas expectativas totalmente desfasadas na actualidade, tanto pola valoración dos terreos a desafectar como polos propios problemas de caixa da Autoridade Portuaria, que presentou unhas perdas de 4,2 millóns de euros o ano pasado e cuxo patrimonio está afectado agora tamén polas decisións da UE e mesmo do Goberno central do PP, entre elas tamén o orzamento de 2016”, afirma ao respeto Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana.
“O novo Fondo Financeiro de Accesibilidade Terrestre Portuaria só permite financiar de xeito retroactivo obras posteriores a xullo de 2014, o que exclúe Punta Langosteira”, engade o edil, que defende que os problemas de financiamento do Porto Exterior “non xustifican a venda de solo público no porto da cidade”. “Na vez de teimar na tese irreal de sufragar a actuación mediante métodos dos tempos da burbulla inmobiliaria a Autoridade Portuaria debería centrarse en renegociar as condicións de financiamento aprobadas en 2011 e conseguir inversións do Goberno central para os accesos terrestres a Punta Langosteira”, sinala.











