O Festival Manicómicos regresa ás rúas da Coruña na edición número XV

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+
Presentación do Festival Manicómicos

Presentación do Festival Manicómicos

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores o XV Festival de Comedia, Teatro e Circo Manicómicos, xunto con varios voceiros desta asociación cultural. O edil destacou a aposta desde novo Goberno pola promoción da creación local. “Nese sentido para nós é unha honra poder presentar a programación de Manicómicos para este ano”, dixo, no marco dunha rolda de prensa que tivo un carácter lúdico.

Acompañada de membros da compañía, foi Vanesa Rivas a encargada de presentar as liñas básicas da programación deste evento que volve, de novo, ás rúas da Coruña. “Enchenos de alegría poder volver a celebrar o noso festival de rúa no mes de agosto, coas festas, e así poder chegar a un maior número de espectadores”, indicou. “Lamentablemente, nos últimos anos non se nos permitiu, pero agora retomámolo con moita ilusión”, engadiu.

A programación oficial do festival terá lugar entre os días 13 e 16 de agosto. Con ubicacións en distintos barrios da cidade, haberá actuacións para todos os públicos ás 20.00 horas os catro días, ademais doutras catro actuacións ás 12.00 horas o sábado 15 e o domingo 16.

“Este último día remataremos a programación do festival en María Pita. Ás 19.00 horas contaremos coa actuación de Joan Catalá, o único artista convidado de fóra de Galicia, e ás 20.00 horas disfrutaremos da gala de Manicómicos”, explicou Rivas. Nesta actuarán tanto artistas locais vencellados coa asociación cultural como artistas convidados e alumnos en proceso de formación. “En total, 20 artistas que se esforzarán en dar o mellor de si mesmos”, engadiu.

O XV Festival Manicómicos, que regresa ás rúa da cidade, tamén contará con actuacións para o público adulto os días 13, 14 e 15, ás 22.00 horas no interior do Castelo de San Antón. Tamén haberá pasarrúas que se celebrarán os días 6,7,8 e 9 en horario de mañá e tarde e que se levarán a cabo en diversos barrios da cidade.

5 de agosto de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.