publicidade hoxe

O Delegado Territorial de Educación visita as obras do CPI Cernadas de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

O delegado territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitou esta mañán as obras que a Xunta acometeu este verán no Colexio Público Integrado (CPI) Cernadas de Castro. Estas supuxeron unha inversión por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de preto de 30.000 euros, que se complementaron con outras actuacións de mantemento levadas a cabo polo propio Concello de Lousame.

“Os traballos atópanse xa na súa recta final e estarán listos para o comezo do curso”, indicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen agradeceu a Indalecio Cabana o seu interese e apoio nos proxectos de mellora das infraestruturas educativas do Concello. Durante a súa visita, o delegado territorial estivo acompañado por Pilar Cobas e Germán Delfín Pérez, que acudiron ao seu primeiro acto como nova directora e xefe de estudos, respectivamente, do CPI Cernadas de Castro. 

Os traballos acometidos pola Xunta comprenderon o arranxo da parte da cuberta correspondente á zona do comedor escolar e da antiga casa do conserxe (hoxe recovertida en aulas para o Programa de Diversificación Curricular) e dos canalóns do pavillón polideportivo. Estas obras complementáronse con outras acometidas polo propio Concello de Lousame, chegando a inversión a arredor dos 6.000 euros. 

“Leváronse a cabo os traballos de mantemento das instalacións e a eliminación do porche da antiga casa da conserxe, xunto coa instalación eléctrica que nel había. Deste xeito, puidemos darlle máis amplitude ao patio e habilitar outra entrada para as aulas de PDC”, indicou Teresa Villaverde. Tamén se aproveitaron os meses de verán para “construír unha nova caseta para as bombonas do gas, que se está a rematar, así como melloras na instalación eléctrica (reposición e arranxo de enchufes, principalmente), pintado de varias aulas e reformas nos canalóns. 

Finalmente, “mudamos a ubicación dos 11 colectores de lixo do colexio, que agora están sobre unha nova plataforma de formigón, para facilitarlle o labor ao persoal do comedor escolar. Nos próximos días, acometerase “o bacheo da entrada ao colexio por parte da brigada de obras municipal”.

Peticións urxentes 

Pola súa banda, Pilar Cobas agradeceu tanto á Teresa Villaverde coma a Indalecio Cabana “a súa colaboración e interese polo noso colexio”. Precisamente, tanto os representantes da directiva do centro coma a propia rexedora lousamiana aproveitaron a visita do delegado territorial para reclamaren máis inversións. Neste senso, as prioridades son “a finalización do arranxo das cubertas e a habilitación dun patio cuberto”.

Na actualidade, e segundo indicou Pilar Cobas, “cando chove, os alumnos de Infantil e Primaria teñen que pasar o tempo do recreo nas aulas, sempre acompañados polo profesorado, xa que non poden saír ao patio. Os de Secundaria deixámolos ir aos soportais”. Sobre isto, Indalecio Cabana comprometeuse a “elaborar un proxecto e presupostalo canto antes para que se poidan incluír estas dúas obras nos próximos orzamentos. Agardamos poder abordar estas dúas actuacións de cara ao verán que vén”, concretou.

Potenciar a sección bilingüe e o uso das TICs

A directora do CPI Cernadas de Castro adiantou que entre os novos retos da próxima directiva se atopan “a ampliación da sección bilingüe. Na actualidade contamos con ela nas clases de Música, Matemáticas e Ciencias Sociais, en Secundaria, e en Plástica, nos cursos de Educación Primaria”. Así mesmo, tamén queren “potenciar o uso das TICs. De feito, para outubro está previsto que as 16 aulas do colexio conten coa pizarra dixital e os equipos necesarios para isto”, concluíu. 

31 de agosto de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.