publicidade hoxe

O delegado da Xunta en Pontevedra supervisa as obras de adecuación do ximnasio no CEIP de Baño-Xanza de Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValga
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras do centro

Cores Tourís na visita ás obras do centro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Valga para analizar co alcalde do municipio, José María Bello, as obras de adecuación do ximnasio que se están a realizar no CEIP de Baño-Xanza e que están previstas para o inicio do curso en setembro. Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra supón a reforma dos espazos interiores do ximnasio para vestiarios, con dúas zonas independentes e aseos para discapacitados. “Estes traballos supuxeron un investimento de case 60.000 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou así mesmo o responsable da Xunta en Pontevedra.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como son a reforma e reposición do pavimento, que contou cun orzamento de máis de 43.000 euros, a adaptación de aseos, cunha inversión de case 50.000 euros, ou a renovación da instalación da calefacción, na que se investiu preto de 60.000 euros.

A maiores, durante a visita de hoxe acordouse levar a cabo máis obras en relación a impermeabilización da entrada da cuberta exterior, así como a reforma dos paneis e falsos teitos do ximnasio que serán, ademais, protexidos por unha rede.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma nesta localidade, na cal levan investido case 600.000 euros a administración autonómica entre os centros de Primaria e os de Secundaria. “Este é un investimento moi importante para a adecuación e benestar do centro do concello de Valga”, rematou o delegado territorial.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

31 de agosto de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.