O Concello de Vilagarcía remata o informe arqueolóxico sobre a reforma integral de Vista Alegre
O Concello de Vilagarcía recibiu esta mañá o informe arqueolóxico sobre a reforma integral da rúa Vista Alegre. Este documento non fora incluído no proxecto polo anterior goberno pese a que a actuación proxectada se atopa nunha zona monumental e arqueolóxica protexida, e sen ela a obra non sería autorizada por Patrimonio. Tras encargar o devandito estudio arqueolóxico, o goberno de Varela Paz remitirá o luns toda a documentación á Dirección Xeral de Patrimonio para poder desbloquear a demandada obra.
O proceso de licitación da remodelación integral da Rúa Vista Alegre iniciouse en primavera, pero a falta do informe arqueolóxico impediu seguir co concurso ao que se presentaron 24 empresas. Agora, tan pronto como Patrimonio de o visto bo á actuación, o Concello convocará á Mesa de Contratación para proceder á adxudicación da obra.
O proxecto de reforma integral da Rúa Vista Alegre promovido polo Concello de Vilagarcía conta cun orzamento de licitación de 288.500 euros e un prazo de execución de 4 meses. A obra ten como finalidade completar a humanización da rúa na súa parte peatonalizada e acondicionar o tramo aberto ao tráfico con melloras tanto na rede de servizos municipais soterrados, como de accesibilidade para os peóns.
A reforma integral da Rúa Vista Alegre finánciase a través dos fondos do PUXIM 2015 que lle corresponden a Vilagarcía. A actuación non se limitará a mellorar a estética e mobilidades da rúa da zona monumental, senón que tamén aproveitará para renovar as redes de servizos básicos soterrados, concretamente as canalizacións do saneamento e do abastecemento de auga, moi antigas nesta rúa. Ademais, habilitarase unha canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica do alumeado público ou outros servizos.
O proxecto para Vista Alegre dividirase en dúas partes en función do tramo pernil e do tramo polo que circula o tráfico. No primeiro comeza xusto onde remata a zona pernil enlousada, na entrada do colexio Filipense, e remata no cruce con López Cuevillas. Este traxecto leva xa un par de anos peonalizado, permitíndose soamente o paso dos vehículos de usuarios dos garaxes alí emprazados. A actuación proxectada prevé a completa humanización deste tramo da rúa que quedará a nivel.
Habilitarase un carril de vehículos para o acceso aos garaxes. Construirase en formigón, material que resiste mellor o paso dos coches sen deteriorarse. Para que teña unha imaxe máis estética e acorde coa zona monumental, o formigón tratarase mediante pulido ou impresión.
A zona de beirarrúas ensancharase a ambos lados e, aínda que irás a nivel co carril, diferenciaranse deste porque se construirá con lousas de pedra similares á da zona peonil que baixa cara Castelao.
Tramo con tráfico rodado
O segundo tramo da Rúa Vista Alegre tamén será obxecto dunha importante mellora posto que, ademais de mellorar o deteriorado firme, tamén permitirá ensanchar un pouco e reformar as beirarrúas. O firma, que na actualidade se atopa afundido e con moitos desniveis e buratos que dificultan a circulación rodada, nivelarase con formigón.
As beirarrúas reconstruiranse por completo para darlles un pouco máis de ancho que e para nivelalas, xa que na actualidade hai tramos que presentan un peralte ou desnivel moi grande que dificulta o andar das persoas e o paso de carros ou cadeiras de rodas.











