O Concello de Vilagarcía busca solucións ante a masificación de cans no refuxio de Pinar do Rei
O Concello de Vilagarcía está buscando solucións ao problema de masificacións de cans que está a sufrir o refuxio de animais de Pinar do Rei. A concelleira de Sanidade, Tania García, reuniuse esta mañá con directivos da Protectora de Animais, xestora das instalacións, e xunto co edil de Medio Ambiente, Lino Mouriño, visitarán as dependencias ás 17:30 horas de hoxe para ver persoalmente a situación.
García Sanmartín transmitiu un mensaxe de tranquilidade asegurando que, pese ao problema que se está a dar, “non se deixará de recoller nin a un solo can das rúas”. O Concello baralla diversas alternativas para atender as emerxencias que se poidan producir namentres non se resolve definitivamente a saturación existente na canceira municipal.
Segundo lle explicaron os directivos da Protectora, o Refuxio conta cunha capacidade de 165 prazas para cans, e nestes momentos está acollendo a 194. Cómpre salientar que a canceira é unha infraestrutura nova, que se construíu para substituír ao antigo refuxio, habilitado nunha vella nave que carecía de servizos e era de moita menos capacidade. As novas dependencias, inauguradas hai un ano, supoñían unha importante ampliación respecto ás anteriores.
Pese a isto, o refuxio a cantidade de cans abandonados nas rúas ou mesmo ás portas do refuxio segue medrando, polo que dende o Concello faise un chamamento a unha maior concienciación e civismo da poboación á hora de non abandonar ás mascotas, da conveniencia de esterilizalas para evitar camadas indesexadas, e mesmo en recorrer á adopción de animais do refuxio, en lugar de proceder á compra.











