O Concello de Santiago ve insuficientes as achegas da Xunta para cubrir os custos da capitalidade
O Concello de Santiago ve “absolutamente insuficientes” as contías aprobadas pola Xunta, no marco do convenio de financiamento da capitalidade da cidade, para cubrir os custos que lle supón esta consideración á localidade compostelana.O Consello da Xunta autorizou este xoves o convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e o Concello de Santiago para financiar o estatuto de capitalidade desta cidade, que lle reportará 2,32 millóns de euros, o que supón unha suba do 1,2% respecto a 2014.
En rolda de prensa, o secretario da xunta de goberno, Xan Duro, avanzou a aprobación do convenio “por vía de urxencia” e sen “marxe de negociación”, criticando que as achega é “absolutamente insuficiente” para atender as necesidades derivadas da capitalidade.
En concreto, referiuse a un informe da Universidade de Santiago de Compostela na que se cifra “no ámbito dos seis millóns de euros” o volume de custos que implica esta consideración á cidade, tanto por cuestións protocolarias coma por xestión de traballo, situación de espazos para dotar ás administracións, etc.
Duro criticou que Santiago recibe “un 25 por cento” do necesario para asumir todos estes custos e que, dende o ano 2010, se perdeu “preto dun millón de euros” das achegas que recibía no marco deste convenio, nos catro anos de goberno do PP en Compostela.
Neste sentido, comprometeuse a que dende o goberno local se fará “toda a presión posible” para conseguir que se incrementen estas achegas no futuro.
Nesta liña, a concelleira María Rozas tamén arremeteu contra esta cantidade “insuficiente”, recordando que en 2010 Santiago recibía máis de tres millóns de euros. “Para o goberno municipal é insuficiente que só contemos co 25% do que os técnicos consideran necesarios”, insistiu.











