O Concello de Lalín insiste en que se limpen os soares e fincas en mal estado ante o alto risco de incendio
A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso insistiu na necesidade de que os particulares donos de soares e fincas en mal estado, traten de limpar as súas parcelas “de maneira urxente”. Isto é debido ao elevado risco de incendio que supón a proliferación de terreos descoidados. Alonso asegurou que nas últimas semanas dende o seu departamento, se estiveron mandando multitude de notificacións solicitándolles aos propietarios o desbroce dos seus terreos. Non obstante, a concelleira indicou que, na maioría dos casos, “se fixo caso omiso da nosa petición, o que significa caer nunha grave irresponsabilidade”.
Celia Alonso recordou que o Concello non pode actuar directamente nas propiedades privadas, senón que o ten que facer a través de comunicados que os donos teñen que respectar. “Se os que reciben notificacións non cumpren as súas obrigas, deben saber que serán os responsables directos no caso de producirse calquera tipo de dano”, explicou.
A edil de Medio Ambiente aproveitou para anunciar que se está a traballar nunha ordenanza medioambiental na que, entre outros moitos aspectos, se recollen sancións para as persoas que non cumpran coas seus cometidos referentes ao mantemento correcto de fincas e soares que teñan risco de incendio.Dita normativa amparase na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia.
Celia Alonso insiste en que hai multitude de terreos tanto na zona urbana como na rural “completamente descoidados, cheos de vexetación seca e ao lado de vivendas, cos que hai que acabar porque constitúen, neste período do ano, un autentico perigo para a seguridade cidadá”. Por iso incide en que “é primordial e ten a máxima urxencia que se limpen as parcelas que representan un perigo”. Ao mesmo tempo recorda que “o concello de Lalín, segundo a Consellería de Medio Rural, está entre as zonas con risco alto e moi alto de incendio, polo que temos que tomar as máximas precaucións”. Para finalizar, fixo fincapé na necesidade de que a cidadanía tome conciencia e colabore na medida do posible para acabar coa lacra dos lumes que practicamente azouta Galicia cada ano.











