O Concello de Lalín asina convenios coa Praza de Abastos e AED para a promoción e dinamización do comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A concelleira de Comercio, Katia Procino, asinou este mediodía os convenios para subvencionar e promocionar as actividades de dinamización impulsadas dende a Asociación de Empresarios do Deza e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos. En virtude destes acordos, o Concello de Lalín achegará un total de 8.000 euros para o desenvolvemento de actividades que teñan por obxecto a promoción dun sector estratéxico con accións que potencien a súa dinamización en diferentes épocas do ano nun contexto de dificultades económicas que están a propiciar a caída do consumo. Trátase, polo tanto, de defender o consumo local para que repercuta directamente no municipio, na súa calidade de vida e na de toda a veciñanza.

En concreto, a través destes convenios, o Concello achegará 5.000 euros á realización de actividades de promoción organizadas pola AED. Unha parte, 2.000 euros, destináronse á Noite Branca e o resto, 3.000 euros, son para a campaña de Nadal. Estas cantidades servirán para realizar accións de dinamización, actividades infantís e ambientación musical nas rúas, así como para desenvolver actividades de difusión e publicidade do comercio en distintos soportes. No caso da Noite Branca, que xa se celebrou o pasado mes de xuño, tratábase de levar a cabo unha campaña de fomento de compra no comercio local con horarios estendidos, promocións, descontos e actividades de ocio, no que non só participan os comercios asociados, senón tamén a hostalería. 

Canto ao acordo asinado coa Asociación de Profesionais da Praza de Abastos vai permitir desenvolver ao longo deste 2015 un programa de actuacións que inclúe diferentes campañas: a do cocido, a do día da nai, a de verán ou a de Nadal. Todas estas campañas conlevarán accións de difusión e publicidade do comercio local de Lalín en diferentes soportes e a elaboración de material promocional que incluirá a imaxe corporativa do Concello de Lalín e que os distintos establecementos entregarán aos seus clientes coas respectivas compras que realicen. 

No caso da praza de Abastos, a distribución das cantidades é a seguinte: 600 euros para a campaña do cocido, 500 para o día da nai, 1.600 para a campaña de verán e 300 para a de Nadal.

31 de agosto de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.