O Concello de Lalín alonso pide á cidadanía a máxima responsabilidade no consumo de auga
A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, fixo hoxe un novo chamamento á “máxima responsabilidade” no consumo de auga, debido á “preocupante situación de escaseza que presentan os depósitos de abastecemento”. Segundo indicaron os responsables da empresa adxudicataria do subministro de auga, os niveis do depósito de Catasós, que abastecen a Lalín, teñen acumulados entre 1.400 e 1.500 metros cúbicos dunha capacidade total de 4.000. Un dos principais problemas que sinalan os técnicos responsables do subministro é que o estanque de acopio non é capaz de recuperar a auga ao ritmo suficiente que esixe o bombeo, polo que se fai necesario sustraer auga do estanque situado en Botos como reforzo.
Alonso cualificou a situación de “case dramática”, pero insistiu en que dende o Concello non se quere ter que chegar a restrinxir o consumo, debido a que esta medida “podería ser incluso contraproducente”. A concelleira refírese a que moita auga se podería chegar a perder debido a que “a poboación tendería a acumular máis auga da necesaria naqueles momentos do día no que o subministro estivese habilitado”. Así mesmo, sinalou que os cortes poderían causar problemas técnicos na acometida que posteriormente necesitarían tarefas complexas de amaño.
O concello tomou medidas semanas atrás para restrinxir o rego de parques e xardíns a “aquelo que é imprescindible”, mais Alonso indicou agora que “non se regará absolutamente nada porque a situación así o esixe”.











