O Concello de Ferrol fará exposicións de fondos municipais e pedagóxicas no Carvalho Calero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Dentro da liña de “optimizar” os recursos existentes no Concello de Ferrol, o Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño será empregado para exposicións de carácter didáctico dirixidas tanto a centros de educación primaria como secundaria, e para mostras dos fondos patrimoniais municipais.

Así o explicou o concelleiro de Cultura, Jesús Basterrechea (FeC), ao termo da Comisión celebrada esta mañá. Para este fin aproveitarase a existencia de asociacións tanto pedagóxicas como profesionais ou laborais -SGHN, do ferrocarril, micolóxica, etc.-, para ofrecer un calendario de exposicións didácticas que poidan ser visitadas polos escolares.

En segundo lugar, expoñeranse no Carvalho Calero, “un centro ata agora moi desaproveitado”, os fondos patrimoniais do Concello de Ferrol e que nalgúns casos están “agochados” en distintas dependencias municipais. Deste xeito faranse exposicións temporais “que sirvan para poñer en valor e amosar os fondos tanto pictóricos como escultóricos dos que dispón o Concello”, “poñendo en valor os recursos existentes e vinculándoos a cuestións pedagóxicas e de recoñecemento da cidadanía dos valores de Ferrol”.

Así, o vindeiro curso escolar iniciarase xa cunha exposición das mellores obras que existen no Concello que reflexan a paisaxe local.

De xeito paralelo traballarase para ter unha publicación a principios do curso con todas as datas destas previsións de exposicións, para facilitar a programación de visitas que poidan facer os propios centros escolares.

“A educación é a base fundamental da cultura da nosa cidade para hoxe e mañá, é unha novidade importante, os centros cívicos e culturais teñen un problema de indefinición, é un espacio expositivo ao que lle imos dar un carácter didáctico moi aproveitable”, engadiu o edil de Cultura.

Doutra banda, o Concello de Ferrol, segundo explicou Jesús Basterrechea, rematou o proceso de convocatoria de subvencións competitivas de cultura, ao que se presentaron 28 propostas para unha partida orzamentaria de 60.000 euros. O proceso acumulaba certo retraso debido ao cambio de Goberno, pero xa se dou por pechado coas 28 propostas de de actividades presentadas por distintas entidades e asociacións, que cubren un abano do máis variado, dende encontros didácticos con rapaces ata concertos de folk ou grabacións de documentais. 

Basterrechea engadiu que hai cuestións que “haberá que resolver de cara a vindeiras convocatorias”, posto que este ano o número de propostas foi menor, aínda que a partida reservada era maior. “Este descenso da participación tamén pode ter que ver moito coas dificultades e trabas que hai por lei e que obrigan a pagar o 20% dos importes totais destas actividades”, sinalou. 

Por último, Jesús Basterrechea tamén avanzou que o próximo xoves ás 19:30 horas terá lugar unha xuntanza, no Centro Cultural Torrente Ballester, cos grupos musicais de rock da cidade, para escoitar propostas de cara a unha programación deste tipo de actividades. 

7 de agosto de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.