O Concello de Ferrol elimina o vertedoiro incontrolado da zona de Mougá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol procedeu este mesmo luns a eliminar o vertedoiro incontrolado que foi localizado na zona de Mougá, que xa recuperou o seu estado habitual, limpo de residuos. Así o explicou o edil de Servizos, Bruno Díaz (PSOE), que instou aos cidadáns e as empresas a non vulnerar a lexislación vixente e a proceder polos cauces establecidos a eliminar os residuos e entullos mediante empresas autorizadas.

O Concello pon a disposición dos cidadáns os medios necesarios para o tratamento dos residuos domésticos, sinalou Bruno Díaz, mentres que as empresas teñen que cumprir a lexislación existente que as obriga a xestionalos a través do seu tratamento específico. “Todos os vertedoiros que poden existir na cidade se deben á vulneración por particulares ou empresas da lexislación vixente”, sinalou.

Ante isto, Bruno Díaz avanzou que o Concello tentará incrementar os controis para evitar a existencia de vertedoiros incontrolados, ao tempo que se tentará “perseguir” a persoas e empresas que fan un uso “delitivo de determinados espazos públicos e naturais”. Precisamente, o maior problema estase a producir con residuos industriais, procedentes de empresas, que tentan así evitar o custo do tratamento dos entullos a través das vías establecidas e crean vertedoiros incontrolados e ilegais.

Por iso, instou aos cidadáns a que denuncien, a través do teléfono de atención cidadá do Concello ou informando á Policía Local, a posible existencia de vertedoiros incontrolados para que “cada vez que se detecte se poidan adoptar as actuacións pertinentes, tanto en canto á recollida como á persecución” dos infractores.

“Ademais de labor de concienciación dende o Concello de que todos temos a obriga do mantemento do noso entorno faremos unha labor de endurecemento da vixilancia e das sancións, por parte das distintas administracións, para erradicar esta conduta”, engadiu. 

5 de agosto de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.