publicidade hoxe

O Concello de Coristanco renderá homenaxe a Asunción Antelo o 9 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristanco
A-
A+

O vindeiro 9 de agosto será un día histórico para a cultura do noso concello e para todas aquelas persoas que, dun xeito ou doutro, traballan a prol do coñecemento, valorización e difusión da nosa cultura. O Concello de Coristanco fará xustiza e renderá a tan ansiada homenaxe institucional a Asunción Antelo, a “Rexubeira de Bergantiños”, recollendo a clamorosa voz do pobo, que así o demandaba desde hai tempo, e tal e como defenderon desde a oposición os tres partidos que están hoxe no goberno.

Coñecida por todas e todos, dentro e fóra do noso concello, Asunción Antelo recibiu numerosos homenaxes por parte de diversas asociacións, colectivos e persoas anónimas que, durante anos, deron a coñecer a súa obra e a especial figura desta artista autodidacta e polifacética cuxas mans non só se curtiron na dura vida do campo, senón que tamén esculpiron fermosas pezas en madeira e en barro, alén do seu labor como escritora, plasmado nas Páxinas da Rexubeira de Bergantiños, As penurias dun amor e en numerosos poemas inéditos. Mais, sen dúbida, faltaba a homenaxe institucional por parte do Concello de Coristanco que terá lugar o día despois do 96 aniversario da artista seaviense.

O acto, o primeiro organizado pola nova Concellaría de Cultura, Educación e Turismo, comezará ás 5 da tarde, na praza de Seavia, a carón da igrexa á Asunción dedicou varios versos. Alí, despois da benvida do Alcalde, Amancio Lavandeira, darase a coñecer o mural sobre Asunción elaborado polo artista Miguel Anxo Calvo, o “Mighelo” e descubrirase unha placa conmemorativa. A continuación, dirixirémonos á casa museo da artista nun percorrido musicado de pouco menos de medio quilómetro que atravesará a aldea natal de Asunción, Segufe. Como non podía ser doutro xeito, na eira da súa casa, despois da intervención da concelleira de Cultura, Educación e Turismo, Laura Mariño Taibo, celebramos o seu 96 aniversario, con recitado de poemas e, por suposto, con música do país, que correrá a cargo do grupo de cantareiras e pandereiteiras Farraxeira, da Agualada, e da banda de gaitas Inllar, do Couto.

Desde a Concellaría de Cultura queremos agradecer a implicación e colaboración de diversos colectivos e asociacións na organización desta homenaxe, fundamentalmente: a Asociación de Amigos e Amigas de Asunción Antelo, a AVV San Mamede de Seavia, a AVV do Couto, Inllar, Farraxeira, a Miguel Anxo Calvo, á familia de Asunción, a Isabel Rey por abrirnos as portas do museo sempre que fai falta e, por suposto, a Asunción Antelo, polo seu traballo, humildade e por permitirnos gozar da súa obra e da súa compañía.

Seguiremos traballando en novos proxectos para que esta homenaxe non se quede simplemente no acto dun día, nun feito illado, senón para que homenaxeemos a esta artista como mellor se pode facer: coñecendo a súa obra, valorándoa e difundíndoa dentro e fóra do Concello.

3 de agosto de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.