O Concello de Ames aproba a renuncia do expediente de licitación de 8 vehículos de renting
A Xunta de Goberno Local, previa delegación da Alcaldía a través do decreto 926/2015 e por unanimidade dos seus membros presentes, aprobou o pasado xoves 30 de xullo a renuncia do expediente de licitación, mediante procedemento aberto, para o subministro de oito vehículos na modalidade renting para a flota do parque móbil do Concello de Ames. Esta decisión tomouse tras considerar máis conveniente para o interese público municipal iniciar un expediente de adquisición (que inclúa a compra dun vehículo híbrido eléctrico) que un expediente de renting. A adquisición permitiría dispoñer destes vehículos durante toda a súa vida útil conformando un parque móbil adaptado ás necesidades municipais.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “este expediente de licitación foi aprobado o pasado 22 de maio e 2015, dous días antes da celebración das pasadas eleccións municipais. Unha vez comecei a traballar na área de contratación, elaborei unha proposta para renunciar a este expediente de licitación baseándome en criterios de aforro económico e de mellora da operatividade de traballo diaria dos departamentos municipais”.
Segundo o goberno municipal a renuncia a este expediente de contratación é debido a que o aluguer mediante a modalidade de renting destes oito vehículos, que estarían adscritos a diferentes departamento municipais, só daría servizo e cobertura ás necesidades de transporte durante un máximo de catro anos, cando o Concello necesita destes vehículos de transporte para o seu funcionamento e operatividade diaria dos departamentos de Obras, Parques e Xardíns, así como dos departamentos de Medio Ambiente e Telecomunicacións.
Outro motivo polo que se renunciou a este expediente de licitación é que se dende a propia concellaría de Economía e Facenda necesitan reconsiderar o custo deste renting fronte á posibilidade de adquirir estes oito vehículos en propiedade, xa que esta última opción suporía un grande aforro para o Concello, posto que permitiría dotalo de medios propios en transporte durante un período máis longo de tempo (a vida útil dos vehículos é claramente superior aos catro anos que ofrece a modalidade de renting). Ademais, os vehículos adquiridos pasarían a integrar o parque móbil municipal e utilizaríanse durante anos nas tarefas diarias dos diferentes departamentos municipais.
Adquisición dun vehículo híbrido eléctrico
Por último, na toma desta decisión tamén se considerou conveniente a posibilidade de incluír dentro da nova proposta de licitación a adquisición dun vehículo híbrido eléctrico, dando así resposta as inquedanzas do goberno relacionadas co medio ambiente e co consumo enerxético responsable e sostible.
A través deste proceso de licitación estaba previsto contar, mediante a modalidade de renting, con tres furgonetas combi; unha furgoneta grande; tres vehículos todoterreo pick-up; e un turismo mediano de cinco portas. Cómpre lembrar que a este proceso presentáronse catro empresas. Tal e como explica a edil de Economía e Facenda, Genma Otero, “o pasado 17 de xullo convocouse a mesa de contratación para a apertura das ofertas e nese momento, seguindo a liña de transparencia e diálogo que está mantendo o goberno municipal, comunicóuselle ás empresas que se presentaron a este concurso que se ía renunciar ao expediente deste proceso de licitación”.
“A pesar do trastorno que lle causou esta renuncia as devanditas empresas, entenderon perfectamente a postura do goberno municipal e comunicáronme que adquirir os vehículos en propiedade era máis beneficioso para o Concello que telos na modalidade de renting, o que reforza a nosa decisión”, engadiu Genma Otero.











