O Concello da Coruña reclamará á Xunta a partida orzamentaria de 1,7 millóns para as actuacións no mercado de Santa Lucía
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, vén de solicitar unha entrevista coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para iniciar a posta en marcha dun protocolo de actuacións conxuntas no mercado de Santa Lucía desde o ano que vén e pedir á Xunta que inclúa nos seus Orzamentos de 2016 a partida prevista de 1,7 millóns de euros, co fin de acometer as actuacións necesarias no recinto, para que nun futuro acolla o mercado, un centro de saúde, un aparcadoiro e espazos destinados a usos múltiples.
En paralelo, o responsable municipal segue esixíndolle á titular da concesionaria que devolva o edificio no estado no que foi entregado e advirte de que aplicará as medidas necesarias para que así sexa. Lema, asi mesmo, mantén a oferta de reubicación temporal noutros mercados municipais para os praceiros e praceiras de Santa Lucía, algúns dos cales xa comezaron a solicitar o traslado.
Por outra banda, o responsable municipal de Emprego e Economía Social matiza que a única partida que se re retirou co modificativo de crédito en relación aos mercados ten que ver coa segunda e terceira fases da reforma de San Agustín, unha decisión que se tomou atendendo a criterios técnicos que desaconsellaban a obra da segunda fase, que non tiña resoltas as condicións de accesibilidade do proxecto de hostalería do primeiro andar e que incluía un vestiario no baixo nun emprazamento “absurdo”, por situarse no corredor de acceso ao supermercado. As obras quedaron suspendidas de forma cautelar en espera de que o informe técnico confirme ou non a súa viabilidade. Neste sentido, o concelleiro lamenta que tanto a planificación como a execución foron “un desastre absoluto”. Lema, á vista dos informes da asesoría xurídica, estima ademais que é factible prorrogar a licencia dos concesionarios deste mercado.
O responsable municipal subliña que os mercados son “unha área de tratamento preferente”, tal como se visualizará nos orzamentos do ano que vén e avanza que xa se están a dar pasos para a creación dun departamento específico de mercados. A concellería traballa tamén na elaboración das novas ordenanzas e no proceso de licitación dos postos libres nestas dependencias.











