O Concello da Coruña levará á Xunta de Goberno local a operación de tesourería
O Concello da Coruña vén de escoller a oferta que presenta os termos máis beneficiosos para levar a cabo unha operación de tesourería a curto prazo por valor de 11 millóns de euros. A proposta que presenta mellores condicións foi a formulada por Banco Santander e a previsión pasa por presentala ante a Xunta de Goberno local o próximo xoves, 6 de agosto.
Nada máis chegar a María Pita, o novo Goberno local atopouse cun Concello na peor situación económicofinanceira da súa historia recente. O escenario deriva da mala xestión levada a cabo polo executivo anterior, liderado por Carlos Negreira.
O Goberno local comprobou non só o aumento da diferenza entre gastos e ingresos senón que a situación de tesourería, liquidez e solvencia a curto prazo do Concello é a máis negativa dos últimos anos. A gravidade da situación foi corroborada por un informe do interventor municipal, que foi solicitado polo propio alcalde, Xulio Ferreiro.
O informe levado a cabo por Intervención coincide ademais coa diagnose emitida por Tesourería, que xa o pasado mes alertaba do posible incumprimento do PMP( Período Medio de Pago a Proveedores) nos meses de xullo, agosto e setembro. Esta situación podería provocar consecuencias legais, como unha eventual intervención de tutela financeira por parte da Xunta de Galicia. Para evitar esta posibilidade, facer fronte aos graves problemas de liquidez e asegurarse do cumprimento do PMP nos vindeiros meses, o Goberno local viuse na obriga de acudir a unha operación de tesourería a curto prazo.
Numerosas entidades financeiras presentaron propostas ao Concello co obxectivo de resultar adxudicatarias desa operación de tesourería por valor de 11 millóns de euros. En concreto, a proposta ofrece mellores condicións é a de Banco Santander, cun tipo de xuro fixo ao 0,39% sen comisións.
O Goberno da Coruña solicitou propostas a Santander, BBVA, Banco Popular, Abanca, Caixa Rural Galega, Banco Sabadell, Bankia, Bankinter, Catalunya Caixa, Caixabank, e, por vez primeira na historia municipal, tamén decidiu recorrer á banca cívica, en concreto a Triodos Bank. De todas estas entidades, as seis primeiras presentaron ofertas. En concreto, o pasado día 30 procedeuse a apertura das mesmas.











