O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares comezará a funcionar en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares estará funcionando a principios de setembro. Tras o acordo plenario acadado ao respecto no último Pleno e, despois das xestións levadas a cabo polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares coa Deputación, a administración provincial enviará ao centro, nos próximos días, os dous primeiros arqueólogos. A principios do próximo mes está previsto que xa estean traballando 5 operarios no espazo. O contrato de xestión estará vixente ata mediados de 2016, con posibilidade de prorrogarse.

O Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico albergará, nun principio, restos duns 6 castros nos que se interviu no marco do plan provincial para a recuperación dun total de 23 asentamentos. Entre outros, procesaranse vestixios dos castros trasdezáos de Toiriz e Copa do Castro, así como do Castriño de Bendoiro en Lalín e da vila romana de Porta de Arcos, no concello de Rodeiro. Tamén está previsto que se clasifiquen restos arqueolóxicos do xacemento de Adro Vello, en O Grove, entre outros de fóra da comarca.

O Centro está estruturado en 4 áreas de funcionamento diferentes. En primeiro lugar e, ubicada na planta baixa do pazo, atópase a área de recepción clasificación e almacenamento de material. Na mesma planta tamén se encontra o módulo de administración e investigación. Nesta oficina recollerase toda a información documental e gráfica dos restos derivados ao centro e executaranse as primeiras análises das pezas. 

A terceira área é a de intervención directa sobre o material. Esta actividade, debido aos seus requerimentos técnicos e pola súa natureza e características, non pode desenvolverse dentro das dependencias situadas na edificación principal, polo que os traballos se executarán nun edificación auxiliar existente ao sur do pazo. Aquí terán lugar as tarefas propias de laboratorio, nas que se intervirá directamente sobre os restos arqueolóxicos mediante actuacións de lavado, siglado, pegado e restauración en xeral. Por último e, coa finalidade de completar as actividades específicas de conservación e restauración, instalouse unha área de exposición de material. Esta localízase na sala central da parte baixa do pazo e ten a función de ser un espazo divulgativo e expositivo dos traballos realizados no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, que non sexan derivados a outros museos ou concellos. O espazo está deseñado de tal xeito, que funcione como un conxunto interactivo ao que poidan acudir con frecuencia escolares e outros visitantes.

2 de agosto de 2015 | 09:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.