O burato para obelisco na praza de Galicia nivélase para previr accidentes durante a Festa da Auga
O burato aberto na Praza de Galicia co obxecto de reubicar o obelisco, tapouse esta mañá para previr accidentes durante a celebración da Festa da Auga e outros actos multitudinarios durante as festas de San Roque. Trátase dunha medida provisional acordada polo comité de seguridade das festas en sintonía coa comisión organizadora da Festa da Auga.
Tendo en conta que a decisión sobre o emprazamento definitivo do obelisco da Praza da Constitución aínda non está tomada, con efectos preventivos e de xeito provisional, o Concello ordenou cubrir o burato e rebaixar a base de pedra ata o nivel do solado da praza para evitar posibles caídas e tropezóns durante a Festa da Auga, posto que debido a aglomeración de xente que se prevé, podería xerarse graves accidentes.
Por outro lado, a Consellería de Presidencia confirmou ao Concello a participación de medios da Policía Autonómica no dispositivo de seguridade das Festas de San Roque, tal como se solicitara dende a administración local. No comunicado remitido polo director xeral especifícase que a Policía Autonómica desenvolverá no marco das súas competencias os controis de venta de alcohol a menores, mentres que respecto ao servizo policial de orde pública, a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma, colaborará coas demais forzas e corpos de seguridade segundo a demanda.











