O Aquarium Finisterrae presenta a mostra fotográfica ‘Berros no roncar das ondas’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Aquarium Finisterrae inaugura este xoves a exposición de fotografías Berros no roncar das ondas , de Xacobe Meléndrez. A exposición, instalada entre os módulos expositivos da sala Maremagnum e a Humboldt poderá visitarse até o próximo 30 de agosto.

A exposición fotográfica trata de facer reflexionar sobre a relación das persoas co mar. O autor asume como estratexia amosar o punto de vista do océano. Así, pousa a súa mirada en centros de interese litorais, localizacións intimamente relacionadas cos versos do académico Bernardino Graña, un dos prestixiosos poetas galegos do mar.

Imaxe e texto se complementan para provocar, nas visitas, un achegamento sentimental a esta liña de fricción ente a sociedade e natureza que é a costa.

A mostra está conformada por doce fotografías de gran formato e plasticidade intercaladas entre as diferentes instalacións do Aquarium, dialogando con elas e buscando sensibilizar aos asistentes sobre a necesidade de conservar o mar.

Xacobe Meléndrez Fassbender (Tegucigalpa 1963), fotógrafo galego nado en Honduras, leva máis de 15 anos expoñendo regularmente, utilizando a linguaxe da imaxe para comunicar as súas inquedanzas vitais, case sempre centradas en temas ambientais.

Bernardino Graña (Cangas 1932). Académico da Lingua foi cualificado por Manuel María como “o noso grande poeta do mar”. Escribe narrativa, teatro, literatura infantil e poesía, poñendo a súa voz ao servizo das problemáticas sociais.

6 de agosto de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.