O alcalde de Ordes recibe o novo furgón destinado a Protección Civil

Entrega do vehículo
José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, acudiu esta maña á entrega da furgóns concedida pola Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ordes, froito dunha convocatoria de axudas destinada a reforzas os servizos de emerxencias en Galicia. O acto celebrouse na Cidade da Cultura e estivo encabezado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen fixo a entrega das chaves dos novos vehículos a un total de 41 concellos, representados por alcaldes e concelleiros, ademais de contar coa presenza de numeroso persoal de Protección Civil. No caso de Ordes tamén acudiu Honorino Raña, coordinador do grupo de voluntario de Ordes integrado por máis de 60 persoas.
Ademais de apostar decididamente pola formación dos seus membros dentro da Academia Galega de Seguridade Pública, este ano o departamento dirixido por Rueda convocou axudas para dotar ás Agrupacións de Voluntarios de mellores medios materiais. Para este fin, destináronse máis de catro millóns de euros co obxectivo de reforzar ás agrupacións. En breve haberá que sumar outros tantos todoterreos, 60 remolques, 30 esparexadores de sal e 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, todo en base aos Fondos Europeo de Desenvolvemento Rexional. O vicepresidente explicou que a distribución destes medios fíxose “onde máis se precisaba”, seguindo criterios obxectivos e primando aos concellos con maior número de actuacións e voluntarios, o risco potencial de emerxencias e a distancia con outros servizos de emerxencias coma bombeiros ou GES.
“Colaboracións deste tipo poñen de manifesto os resultados tan favorables que se acadan cando hai vontade de colaboración e coordinación entre as distintas administracións”, asegurou o alcalde de Ordes. Tamén manifestour o seu agradecemento e recoñecemento “á colaboración e servizo que os voluntarios e voluntarias de Ordes sempre brindan aos seus veciños e veciñas, sendo un apoio importantísimo en moitos actos e celebracións populares, demostrando en cada un deles o seu alto nivel de implicación e profesionalidade”, asegurou Martínez Sanjurjo.
Neste eido Rueda manifestou que “colaborando entre Administracións somos máis eficaces e máis eficientes”. Entre outros exemplos de cooperación destacou os mantidos cos bombeiros comarcais, os GES ou os Policías Locais. Precisamente a estes últimos se lles acaban de entregar recentemente preto de cincuenta novos vehículos para patrullar os seus respectivos concellos, entre eles o de Ordes.











