O alcalde de Ferrol entrevistarase co presidente da Xunta o venres 7
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, reunirase este venres 7 co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás 11:00 horas en San Caetano, en Santiago de Compostela. A xuntanza é a resposta a petición remitida polo rexedor ferrolá a finais de xuño, solicitando una reunión co xefe do Executivo galego do que demandará, en primeiro lugar, un compromiso sólido e serio con sector naval público, que é o sostén da economía comarcal a través do dous estaleiros de Navantia na ría.
“Ímoslle trasladar varios temas de preocupación da cidade como é o futuro do sector naval público, o saneamento da ría, a solución a FIMO e a débeda histórica do IBI (Imposto de Bens Inmobles) que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) non lle abonou a este concello”, resumiu Suárez en rolda de prensa, ao remate a Xunta de Goberno Local desde luns.
O alcalde de Ferrol avanzou que lle proporá ao presidente da Xunta unha colaboración estreita “e cooperativa” entre as dúas Administracións de cara a consecución e axilización de novos contratos potentes para o naval como a construción das novas fragatas, comprometidas por Defensa para 2017, e que non poden agardar dous anos.
Outro punto a debater será a débeda histórica que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) mantén co Concello de Ferrol polo IBI (Imposto de Bens Inmobles) que non foi abonado e que xa ascende a mais de un millón e medio de euros, subliñou o rexedor. “Pasados varios anos, e como calquera particular que abona a súa contribución, xa é hora de que a Xunta -o IGVS- faga o mesmo”, apuntou o alcalde.
Por último, outras dúas cuestións prioritarias para o Goberno local que estarán sobre a mesa da reunión con Núñez Feijóo pasan por implicar a Xunta de Galicia, a través do ente autonómico Augas de Galicia, no saneamento integral da ría de xeito que participen con soporte técnico e económico na xestión dun servizo que a actual corporación ferrolá quere facer que camiñe cara a un servizo mancomunado, cuestión que se abordará o vindeiro luns 13 no pleno da Mancomunidade.
A segunda pasa por darlle unha solución definitiva a FIMO, propiedade municipal con amplías posibilidades de desenvolvemento económico e de lecer, que permita darlle unha saída laboral as catro persoas que foron despedidas. A Xunta participa como órgano tutelante da Cámara de Comercio, máxima accionista de FIMO, no proceso liquidador.
A intención do Goberno ferrolán é desenvolver un novo plan de usos para FIMO e facer unha encomenda de xestión a Sociedade Mixta de Turismo da cidade para a xestión de FIMO -toda vez que quede liquidado o Consorcio Pro Feira e Exposicións e coas débedas saldadas- unha posibilidade que se está a estudar desde o punto de vista xurídico.











