Normalízase o tráfico na contorna da nave incendiada en Vigo
O tráfico na contorna da antiga nave de Freiremar (agora concesión de Frigalsa) en Vigo quedou restablecido na súa práctica totalidade, excepto nun carril da Avenida de Beiramar, segundo confirmou este martes o alcalde da cidade, Abel Caballero. Nunha comparecencia de prensa, o rexedor explicou que os bombeiros pasaron toda a tarde do luns e toda a noite refrixerando a estrutura da nave, que quedou seriamente danada polas chamas dun “incendio moi serio”.
As primeiras inspeccións técnicas apuntaron que a fachada que dá á rúa Jacinto Benavente está en condicións de “aguantar”, mentres que a da Avenida de Beiramar “parece que aguanta ben, aínda que non hai todas as garantías”.
Precisamente por iso, restableceuse o tráfico nas rúas adxacentes, con excepción dos dous carrís e a beirarrúa na fachada que dá a Beiramar, e que seguen acordoados. Caballero apuntou que, posiblemente, ese tramo tamén se reabra en próximas horas.
O alcalde lembrou que o lume se iniciou na parte das instalacións na que se están levando a cabo obras de reforma, e que se estendeu rapidamente até chegar a un espazo alugado por Albo, no que se almacenaban conservas.
O aceite das latas acelerou a combustión e dificultou os labores de extinción. Ademais, aínda que os bombeiros conseguiron reter as chamas antes de que se estendesen á nave contigua (da conserveira Albo), producíronse danos importantes no mamparo de división de ambas as naves.











