Nolito estréase como pregoeiro na Festa do Polbo de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
Presentación da Festa do Polbo

Presentación da Festa do Polbo

O xogador gaditano Nolito será o encargado de loar as virtudes do Polbo das Rías que se servirá na XVI Festa do Polbo de Bueu entre o 14 e o 16 de agosto. O celtista é a personalidade escollida para presentar o día 15 ás 12 horas o pregón, estreándose neste cometido e para o que aínda non ten ningunha idea pero o que si resaltará son “as características dun bo polbo”. O xogador mostrou onte pola tarde a súa satisfacción en compañía dos concelleiros e concelleiras de Bueu nun ambiente distendido no que volveu destacar a súa vinculación coa nosa vila e “ la alegría que para mí supone ser pregonero de un pueblo que no es mi tierra, y al que estoy muy apegado”. E é que moito se ten falado das visitas turísticas e gastronómicas de Nolito a Bueu, polo que xa non é un misterio que o goberno o vise coma un revulsivo da festa ao ser unha persoa “moi achegada e moi querida na zona que visita con frecuencia”, en palabras de Martín Villanueva, alcalde en funcións. Así mesmo Silvia Carballo, concelleira de Economía e Turismo, destaca a escolla de Nolito xa que “é unha personalidade coñecida por todos ao xogar no Celta e que estamos seguros de que será un revulsivo aínda maior para a festa” ao tempo que tamén espera que “transmita ese cariño que ten por Bueu e a visión polos produtos da nosa terra”, sentenciou Carballo.

Na presentación Nolito tamén falou do bo facer dos locais da vila, do bo comer e do bo ambiente que impera. Por iso xa adiantou tamén que probablemente traerá a varios compañeiros de equipo.

Así, a Festa do Polbo queda lista. Mañá presentaranse na Praza de Abastos ás 12.30 horas as especialidades ofertadas polos hostaleiros. E o venres 14 de agosto desenvolverase un obradoiro sobre a captura, venda e preparación do polbo, a cargo de pescadeRías na planta superior da Praza de Abastos ás 11.30 horas. O Concello oferta 30 prazas de inscrición gratuíta na Oficina de Turismo para esta actividade que nos axudará a identificar e diferenciar o polbo da pesca artesanal, ao tempo que se fai un percorrido polos postos de venda da praza e degustación das mellores preparacións da man dun experto cociñeiros, que dará os mellores consellos para cociñar o polbo no seu punto.

A organización agarda que se supere a cifra do ano pasado, na que se serviron máis de 7.000 racións só de “polbo á feira” e que veñan persoas de todos os lugares, superando as fronteiras do Morrazo. Superarse cada ano é a meta. 

6 de agosto de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.