Luz verde para as bases das axudas de estudos para alumnado de Infantil e do Conservatorio por valor de 51.000 euros
A Xunta de Goberno Local, nun asunto incluído fóra da orde do día, vén de aprobar as bases da convocatoria de axudas de estudos para o alumnado de 2º Ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo para o curso 2015-2016. O obxectivo da convocatoria é o de axudar ás familias cunhas condicións socio económicas máis desfavorables a afrontar os gastos de escolarización dos seus fillos e fillas. Para ser beneficiario/a das axudas, o requisito indispensable é o de estar empadroado e ser fillo/a de nais e pais empadroados no termo municipal de Carballo, con veciñanza no municipio e convivir co beneficiario/a, ou emancipados/as con domicilio no municipio. Para a valoración das solicitudes teranse en conta criterios económicos de renda familiar. O crédito total destinado á concesión destas axudas é de 51.000 euros, concedéndose un total de 300 axudas de 150 euros cada unha para alumnado de Educación Infantil por un importe de 45.000 euros; e axudas por un importe de 6.000 euros para alumnado do Conservatorio que ascenderá ao 50 por cento do custe da matrícula dunha única especialidade para o curso completo. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (preferentemente no Rexistro do Pazo da Cultura situado na rúa do Pan s/n) no prazo de quince días hábiles ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios do Concello. Tamén se ofrecerá cumprida información a través da páxina web municipal dos prazos de solicitude en próximos días.
No apartado de contratación, a Xunta de Goberno tamén supuxo a adxudicación do expediente de contratación dos servizos de “Telefonía fixa e móbil e rede de datos do Concello de Carballo”. A empresa adxudicataria é R Cable Telecomunicaciones Galicia SA por un importe de 362.699,99 euros. A duración do contrato será de catro anos a contar dende o día seguinte ao da formalización do mesmo, cun prazo de implantación de seis meses dende a súa sinatura. O contratista ofrece un prazo máximo de resolución de incidencias de dúas horas dende a súa notificación. Dentro do apartado de contratación, tamén saíu adiante unha prórroga dun ano para o contrato de xestión do “Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Carballo”; así como unha modificación do prezo do contrato dos servizos de “Limpeza de colexios públicos de ensino Infantil e Primaria do Concello de Carballo”. Así, ao incrementarse o número de centros educativos obxecto do contrato coa incorporación do CEIP Xesús San Luís Romero, tamén sube o seu importe anual en 10.890 euros (IVE incluído).
No apartado de convenios, saíu adiante un acordo de cooperación educativa entre o Concello e o Centro de Estudos Universitarios de Galicia (Cesuga), para realización de prácticas de estudo para alumnado que vén de rematar o quinto curso da carreira de Licenciado en Arquitectura na University College of Dublin. O período de prácticas realizarase no marco da Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana e estarán supervisadas polo Arquitecto Municipal. Entre os asuntos de trámite, saíron adiante unha licenza de apertura, unha de parcelación e unha de primeira ocupación e inicio de actividade. Así mesmo, recibiu luz verde un novo vao permanente para o número 22-24 da rúa Gardenias da capital municipal.











